O GDR Terras de Miranda concedeu axudas por máis de 2,5 millóns de euros en 2017-2021

INVESTIMENTO. Con trece proxectos produtivos de creación e ampliación de empresas, seis non produtivos e nove non produtivos de entidades públicas investíronse máis de 6,8 millóns

Reunión celebrada no mes de outubro. EP
photo_camera Reunión celebrada no mes de outubro. EP

O programa Leader que xestiona o GDR Terras de Miranda durante o período 2017-2021 concedeu axudas por un importe de 2.526.494,92 euros que se trasladou nun investimento no territorio de 6.838.843,25 euros. 

Aprobáronse trece proxectos produtivos de creación e ampliación de empresas cun investimento de 5.644.412,93 euros e con axudas por importe de 1.759.836,23 euros, seis proxectos non produtivos de entidades privadas sen ánimo de lucro cun investimento de 518.066,64 euros e un importe en axudas de 235.478,44 euros e nove proxectos non produtivos de entidades públicas cun investimento de 676.363,68 euros e un importe en axudas de 531.180,25 euros. 

Creáronse ademais 27,50 Unidades de Traballo (Uta) e consolidáronse 39,11 Uta. Das Uta creadas corresponden ao colectivo de mulleres un total de 21,50 e ao colectivo de xoves 14. 

O papel dos GDR é apoiar aos emprendedores rurais para que poidan materializar o seu proxecto empresarial, pois sen esta axuda moitos deses proxectos non serían viables e non sairían adiante. Esta é unha forma de dinamizar o tecido económico do medio rural, impulsando as pemes e polo tanto xerando emprego no territorio e fixando poboación no mesmo. 

Posta en valor dos terreos agroforestais e recuperación demográfica 

Aínda que os GDRs teñen como función principal a xestión de fondos europeos para o desenvolvemento de programas de dinamización local a través do Leader, o seu carácter transversal, ao igual que o seu enfoque multisectorial e territorial, permiten que cooperen con outras administracións. 

Nesta anualidade 2021 o GDR modificou a súa estratexia de desenvolvemento local para dar a posibilidade de subvención a través do programa Leader a proxectos vinculados á posta en valor dos terreos agroforestais e á recuperación demográfica do medio rural segundo a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Así o programa Leader dará soporte a proxectos vinculados a estes instrumentos, tanto a aqueles orientados ao aproveitamento agrícola, gandeiro ou forestal da terra, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións e as actuacións de xestión conxunta e os proxectos de ordeación produtiva das aldeas modelo, como a aqueles destinados a mellorar a calidade de vida da poboación rural, como son os plans de dinamización do núcleo rural das aldeas modelo. 

Produtos da horta. EP

Impulso das marcas dos produtos agroalimentarios e comercializacións 

A cooperación entre GDRs demostrou ser un canal efectivo para o intercambio e a transferencia de experiencias, así como para amplificar actuacións de éxito en determinados territorios. Dentro de esta liña, o GDR Terras de Miranda participa no proxecto de cooperación Alimentos da Biosfera. Rede para a promoción de circuítos cortos alimentarios asociados á marca Reservas da Biosfera Españolas con outros GDRs de Galicia. 

A finalidade é impulsar as marcas propias asociadas á Reserva da Biosfera Terras do Miño, á Reserva da Biosfera Oscos-Eo con cinco municipios implicados: Ribadeo, Trabada, Mondoñedo, Alfoz e O Valadouro, e á marca Nacional das Reservas da Biosfera Españolas para producións alimentarias. 

Esta estratexia busca a mellora da calidade destas producións e que contribúan á mitigación do cambio climático mediante o fomento da comercialización e o consumo en circuítos cortos.

Comentarios