viernes. 07.05.2021 |
El tiempo
viernes. 07.05.2021
El tiempo

Gardiáns dunha tradición

Ferreiros de Riotorto, diante do mazo da Fraga, no que moitos deles traballaron durante décadas. JOSÉ M. SALGADO
Ferreiros de Riotorto, diante do mazo da Fraga, no que moitos deles traballaron durante décadas. JOSÉ M. SALGADO
A asociación de ferreiros riotortense impulsa Guía do Ferro nas terras de Riotorto ► Despois de dous anos sen a Feira do Ferro queren poñer en valor e promocionar o seu oficio

Din que Riotorto é terra de ferreiros dende a Idade Media. E será, porque todo no concello parece vinculado a este oficio dun ou doutro xeito: topónimos –Ferreiravella, Ferrería, Lorigados, Carboeiro–, apelidos -Echevarría ou Legazpi-, edificacións, tradicións ou costumes. Todo un xeito de vida.

Da tradición que se mantivo ao longo dos séculos cada vez vai quedando menos, pero dende a Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros de Riotorto non desisten no seu empeño de dar visibilidade a un oficio que forma parte da súa identidade como pobo. Neste empeño acaban de editar o volume Guía do ferro nas terras de Riotorto co que pretenden encher dalgunha maneira o baleiro que deixou a Feira do Ferro nos últimos dous anos ao non poder celebrarse por mor da pandemia. «A asociación está bastante inquieta con esta situación porque a feira é o noso mellor escaparate para poñer en valor e promocionar o oficio e xa suma dous anos sen facerse», explica o secretario do colectivo, Ángel Villada.

E desa inquietude nace esta guía, na que contan co apoio do Concello e de Reale Seguros. Prologada por José González Vián, natural de Riotorto e catedrático da Área de Máquinas e Motores Térmicos da Universidad Pública de Navarra e académico da Academia Internacional de Termoelectricidade, conta a historia e a pegada do ferro no concello, ademais de presentar aos catro ferreiros que aínda quedan en activo e tamén amosar os segredos que garda o itinerario que recorre os vestixios do oficio, a Ruta do Ferro.

A historia máis próxima da tradición ferreira riotortense quizais se pode empezar a escribir nos séculos XV e XVI da man dos "ferróns vascos". No pasado século XX foron tres os mazos que chegaron a traballar: o de Bastián en Espasande de Abaixo e os de O Mazo e A Fraga, en Ferreiravella. Todos eran mazos usados polos ferreiros por quendas. No ano 1941 está documentada a existencia de 56 forxas: 37 na parroquia de Ferreiravella, 17 na de Espasande de Abaixo e dúas na de Riotorto. A estes elementos hai que sumar as moas, que se usaban para afiar as ferramentas de corte, principalmente fouciños e coitelos, ocupación principal dos ferreiros de Riotorto.

A época de esplendor do oficio foi sen dúbida a mediados do século pasado, cando os fouciños riotortenses eran moi apreciados para as segas de Castela, Extremadura ou Andalucía. A evolución da sociedade foi deixando atrás estes traballos e o uso das ferramentas coas que se exercían e pouco a pouco o oficio foi esmorecendo, aínda que hoxe en día son catro os ferreiros que o manteñen vivo: José Mario Cabo, Jomaca; Óscar Villada, da Forxa dos Villada; Manuel Alonso Fojaca, MAF; e Agustín Iglesias, FY.

Na actualidade, ademais do testemuño vivo do labor que desempeñan os ferreiros que seguen traballando o ferro, en Riotorto pode facerse a Ruta do Ferro, que deixa ver os elementos, algúns ben conservados e doutros os restos, que foron conformando este territorio ao longo do tempo. "Son oito quilómetros dende Ferreiravella ata As Rodrigas que discorren ao longo do río Ferreiravella e en todo o traxecto pódense ver forxas, mazos e moas, que aproveitaban a forza da agua para funcionar", explica Villada. A ruta permite coñecer a única moa hidráulica que segue en funcionamento, a dos Villada, en Carboeiro, e tamén a moa de Barral que está construída integramente en madeira. Ademais en Ferreiravella pódese visitar o interior do mazo da Fraga.

A idea da asociación é que cada ferreiro conte con exemplares desta guía nos seus talleres, que esperan podan volver recibir visitantes canto antes, e tamén repartila na Feira do Ferro cando esta se volva celebrar para que os centos de persoas que cada ano se achegan a ela para coñecer este oficio podan saber máis do que foi e entender o arraigamento que ten no concello.

Gardiáns dunha tradición
Comentarios