Se eu fose alcalde...

"Garanto un compromiso forte do Concello cos mozos e coa xente maior, que son os que máis apoio necesitan"

Javier Jorge Castiñeira. EP
photo_camera Javier Jorge Castiñeira. EP
Javier Jorge Castiñeira 
Candidato do PP en Foz
Idade: 48 anos
Lugar de nacemento: Foz.
Primeiro ano como candidata: 2011.
Afeccións: Estar coa familia, tomar café cos amigos, a cociña, o Entroido e o depor te en xeral.


O candidato do Partido Popular á alcaldía de Foz, Javier Jorge Castiñeira, ten 48 anos está casado e ten dous fillos. É arquitecto técnico e defínese como unha persoa moi familiar, que gusta de tomar o café cos amigos, e afeccionado á cociña e ao deporte en xeral. É un apaixonado do Entroido. Cunha ampla experiencia política, con máis tempo á fronte do goberno local que na oposición, Castiñeira, actual portavoz do PP na Deputación, enfronta o reto de encabezar de novo a lista popular en Foz para as próximas eleccións municipais, coa mesma humildade que na primeira ocasión e aínda con máis ilusión por servir aos seus veciños que a primeira vez. Se é alcalde garante "máis seguridade e compromiso cos mozos e a xente maior, que son os que máis apoio necesitan e aos que máis abandonou o bipartito".

Laboralmente, tras rematar a carreira, pasou 12 anos traballando na empresa privada. Despois recibiu a chamada do Partido Popular de Foz, no 2011, para presentarse como candidato, responsabilidade que asumiu con satisfacción, porque —di— sempre tivo vocación de servicio público. Dende aquela, asumiu a alcaldía durante dúas lexislaturas. Explica que "foron moi complexas pola situación económica do Concello, con débedas e orzamentos insuficientes que se conseguiron salvar gracias á boa xestión, rigorosa e valente". Pese a todo, neses difíciles anos, "non se deixaron de lado os proxectos de futuro que tiñamos para Foz: unha nova residencia, orde urbanístico e modernización no núcleo urbano, mellora das instalacións deportivas e náuticas, dos colexios e garderías públicas, dos accesos ás parroquias, e a potenciación turística de Foz e as súas tradicións". Traballou, cos seus compañeiros, "encantados de aproveitar as sinerxias e centralidade xeográfica entre Foz e A Mariña". E todo elo foi "conseguido cun goberno en minoría, grazas á confianza no equipo de goberno, nos entes sociais do concello, á negociación cos grupos municipais e ao respecto institucional coas administracións que debían participar no financiamento de todos eses investimentos".

Castiñeira di que "os 8 anos de alcalde foron unha fonte de coñecemento fundamental ", que se suma á experiencia na empresa privada e os 4 anos percorrendo a provincia como deputado provincial. Toda esta bagaxe e "o ánimo e apoio dos veciños lévanme —di Castiñeira— a volver a presentarme como candidato á alcaldía ". Ten claro que "o bipartito PSOE e BNG en Foz non funcionou; nin houbo conexión entre eles nin houbo conexión cos veciños: dimisións, monogoberno e a desconfianza e a deixamento levaron a Foz a unha situación que me preocupa enormemente". Castiñeira asegura: "Teño o mesmo compromiso e a mesma ilusión ou máis que no 2011, porque me gustan os retos difíciles, e non cabe dúbida que este o será". Asume o reto dende a humildade: "Aprendemos moito no goberno, pero tamén nestes catro anos de oposición nos que o noso obxectivo foi servir a Foz e controlar a un goberno demasiado extenso, pero pouco eficaz; os exemplos son claros: o problema da residencia, a falta de apoio ás empresas na pandemia, problemas na Escola de Música, falta de apoio ás asociacións, problemas administrativos, etcétera".

Mellora dos servizos públicos

O candidato popular di: "Se eu fose alcalde, a próxima lexislatura será a da mellora dos servizos públicos, que nalgúns casos son moi deficientes, como ocorre coa limpeza, a recollida de lixo e a xardineiría ". Indica que haberá que incorporar a nova depuradora e un novo contrato de abastecemento, así como conseguir un alumeado público máis eficiente.

Para Javier Castiñeira, "é necesario aumentar as prazas na Residencia en Foz, resolver a falta dun auditorio municipal, ampliar a Escola de Música e a actividade cultural, aproveitando o gran movemento asociativo e de peñas que se vive no concello". Cre necesario renovar as instalacións deportivas, incluído Portochico, e darlle vitalidade ao polígono. Nestes 4 anos —di— as grandes obras estiveron paralizadas polo deixamento e a falta de respecto institucional dos gobernantes. "É necesario que o goberno de España comece a obra do corredor, parado nestes 4 anos, e que a Xunta, a Deputación e o propio Concello invistan en estradas e melloras de servizos no rural". Para iso, sinala o candidato popular, "Foz debe ter máis presenza na vida pública da que ten actualmente".

Goberno unido e eficaz

"Se eu son alcalde, prometo un goberno unido, con xente preparada que coñece a vida pública", asegura o aspirante popular á alcaldía, que tamén destaca que "é importante incorporar xente nova, pero tamén xente que veña aprendida". En todo caso, non poden ser persoas "que boten 4 anos de lexislatura a velas vir, como pasou nesta".

Castiñeira sinala: "Foz ten moita marxe de mellora, pero si nos quedamos atrancados tamén pode seguir empeorando e iso non pode ser unha opción; a opción é a seguridade e as certezas que a día de hoxe só pode dar o Partido Popular de Foz".

Indica que se é alcalde tramitará "o Plan de Reforma Interior do casco antigo, que o alcalde socialista ten abandonado despois de que o goberno popular aprobase o primeiro Plan Xeral de Ordenación Municipal de Foz no 2018". "Creo fundamental —di Castiñeira— transformar as dúas entradas de Foz, especialmente dende Vilaxoane, porque é perigosa e pouco funcional".

Javier Castiñeira resume así o que serán os seus grandes obxectivos se os veciños de Foz deciden que sexa o próximo alcalde: "En definitiva, máis e mellores servizos públicos, máis dinamismo económico e social, máis seguridade e compromiso cos mozos e a xente maior que son os que máis apoio necesitan, e aos que máis abandonou o bipartito".

Un concello emprendedor
Un necesario plan de dinamización económica
O candidato do PP á alcaldía de Foz, Javier Castiñeira, considera "necesario un plan de dinamización do tecido económico, porque Foz non pode conformarse con ser un pobo residencial". Anuncia "unha batería de medidas, como bonificar, durante os primeiros anos, impostos como o IBI, ICIO e IAE, ás empresas que se instalen no concello". Di que "é necesario modificar a contribución e distinguir primeiras residencias, que deben estar bonificadas, e máis no rural, das vivendas turísticas ou desocupadas ". Propón "eliminar o imposto de plusvalía, que penaliza a quen, por calquera circunstancia, ten que vender unha propiedade ou cedela aos fillos". Cre que "hai que ampliar o solo industrial e legalizar parte do existente".

Comentarios