Un gandeiro de Riotorto tira o seu leite ao non poder cambiar de empresa

O home, que baralla cerrar a explotación o luns, tiña almacenados un 1.400 litros que tirou

Leite desbotado na gandería de Tino Regueiras en Riotorto. EP
photo_camera Leite desbotado na gandería de Tino Regueiras en Riotorto. EP

Tino Regueiras, un gandeiro que ten unha explotación de vacún na parroquia de Aldurfe, no concello de Riotorto, optou por baleirar completamente o seu depósito de leite, botando a perder uns 1.400 litros que tiña almacenados. Fíxoo como protesta porque non quere seguir traballando coa empresa coa que o estaba a facer, Reny Picot, e da que asegura que non pode marchar a causa dun contrato que, segundo el, nuncha chegou a asinar.

Segundo o relato feito polo propio gandeiro o venres, o que aconteceu foi que hai un tempo chegou a un acordo verbal con Reny Picot segundo o cal esta empresa lle ía pagar 30 céntimos por cada litro de leite que producira. Tino Regueiras recoñece que ese acordo verbal nunca se chegou a poñer por escrito, algo que non é o que di a empresa, que afirma ter un contrato presuntamente asinado por Regueiras, aínda que este o nega rotundamente. Tanto que levou o tema aos xulgados, onde de momento está pendente de resolverse.

Este gandeiro viu como a empresa recortaba eses 30 céntimos por litro primeiro a 27 e despois a 25, "unha cantidade que non me cobre os gastos de produción, polo que optei por cambiar de compañía e irme con Leite Río".

Relata que uns días depois de que Leite Río lle recollera "me comunicaron que non podían seguir facéndoo porque tiña asinado un contrato coa outra compañía, algo que non sei de onde sacaron porque eu non asinei nada".

A situación atópase nese punto de desacordo pero el négase a seguir traballando con Reny Picot ata o punto de anunciar que, se non lle deixan ir, o luns pechará a explotación "e de feito xa llo anunciei ao traballador que temos alí, que tiña que buscar outro traballo porque isto ímolo pechar se non se amaña esta situación". Con el traballa tamén o seu fillo nesa explotación.

Di que esta situación "é unha pena" porque tiña proxectos de ampliar a gandería. De feito, Tino Regueiras asegura que "neste momento temos trece vacas producindo, pero xa temos concedida unha subvención que nos permitiría ampliar ata 25 vacas, pero penso que non vai ser posible".

Este xornal tratou de contactar cun voceiro oficial de Reny Picot na tarde de onte, pero non resultou posible.

Comentarios