O gañador do primeiro premio de novela Vilar Ponte levará 4.000 euros

Os orixinais poden entregarse ata o 19 de outubro. Aposta pola cultura e homenaxea ás Irmandades da Fala

Presentación de una edición anterior deI Premio de Novela Vilar Ponte. IRIA L.V. (AEP)
photo_camera Presentación do I Premio de Novela Vilar Ponte. IRIA L.V.

O gañador do primeiro premio de novela Vilar Ponte convocado polo Concello de Viveiro embolsarase 4.000 euros, máis unha praca e diploma para cada un deles. A alcaldesa, María Loureiro, resaltou na presentación que Viveiro xa é "un referente" no mundo cultural, aspecto no que afonda este galardón que nace co nome de dous destacados persoeiros e irmáns nados na cidade.

A rexedora explicou que esta convocatoria xurde nas conversas e propostas estudadas entre o equipo de goberno socialista e os concelleiros non adscritos para a aprobación dos orzamentos municipais deste ano. Loureiro suliñou que é unha iniciativa nova, na que teñen posta moita ilusión e que sumase á xa ampla programación cultural do Concello viveirés. María Loureiro engadiu que incide na aposta pola cultura ao tempo que tenta render unha homenaxe aos irmáns Vilar Ponte, "recoñecendo a súa labor de apoio e difusión da literatura galega", salientou. Ademais apuntou que a entrega dos premios terá lugar no teatro Pastor Díaz nun acto público e animou a que envíen traballos, que teñen que ser en galego, antes do vindeiro 19 de outubro.

BASES. O xurado será mixto e composto por persoeiros vencellados á literatura e á historia de Viveiro, ademais de algún de fóra. As bases, que poden consultarse na páxina web www.viveiro.es, indican que a tanto a temática como a extensión serán libres.

As obras gañadoras pasarán a formar parte do patrimonio da biblioteca viveiresa e o Concello poderá editalas. Os autores deben renunciar a calquera remuneración por dereitos de autor na primeira edición dos traballos e pedir permiso á entidade local en caso de desexar publicalos pola súa conta.

O non adscrito Manuel Galdo suliñou a importancia do premio pola "relevancia das Irmandades da Fala antes e despois na defensa da cultura e lingua galegas, ademais de acuñar un concepto novo de nacionalismo". Destacou a vixencia do Manifesto de Lugo, que cumpre un século e ilustra o cartel do premio. Asemade, pensa que o premio realza o papel de Viveiro en termos políticos e culturais nunha data que tamén considera axeitada. Tamén espera que non sexa flor dun día e haxa novas edicións, igual desexo que expresou a alcaldesa.

Comentarios