ELISA FERNÁNDEZ REY | PROXECTO LINGUA VIVA DA USC

"O galego da Mariña ten un léxico moi peculiar e diferente ao do resto de Galicia"

As linguas son entes vivos que van evolucionando de xeito parello ás sociedades nas que se desenvolven. As palabras nacen e morren, pero para que nazan é preciso que unha lingua se fale e o galego neste momento perde falantes nas novas xeracións. O proxecto Lingua Viva busca involucrar os cidadáns para que se dean conta da riqueza lingüística

Elisa Fernández Rey. EP
photo_camera Elisa Fernández Rey. EP

A profesora natural de San Cibrao Elisa Fernández Rey coordina o proxecto Lingua Viva dentro do Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela (USC). A iniciativa busca poñer en marcha unha plataforma que permita recoller o patrimonio lingüístico galego mediante un método colaborativo no que conta coa participación da cidadanía.

Como xorde poñer en marcha Lingua Viva?
Xorde no marco do Instituto da Lingua Galega, que este ano celebra o seu 50 aniversario, e tamén no marco da lingüística cidadá, unha ciencia aberta á colaboración na que se busca a participación da xente. Ademais tivemos en conta que no Instituto da Lingua desenvólvense moitas investigacións que moitas veces non son moi coñecidas e tamén ferramentas que se podían usar dun xeito máis xeneralizado. Con todos estes ingredientes pensamos nesta plataforma que permitirá á xente doar o seu saber lingüístico.

Que obxectivos se propoñen?
O que se busca é un pouco que a xente se dea conta de que a lingua é algo vivo e moi poderoso que conforma un patrimonio moi rico dunha gran diversidade. A partir de aí ten un dobre obxectivo. Por unha banda que a xente participe e proporcione datos para levar a cabo as investigacións lingüísticas e, por outra, que tamén se converta nunha plataforma na que o cidadán poida visualizar datos. Por exemplo, recolleranse expresións que mostren enfado e ademais de velas tamén se poderá observar unha análise de datos con gráficos e mapas, cousas concretas como cales usa máis a xente nova ou cales son máis típicas nunha determinada zona. A idea principal que queremos transmitir é que a lingua é máis do que cabe nun dicionario.

As variantes do galego son moitas dentro do territorio.
Si, e a xente é moi consciente disto porque forma parte da nosa experiencia, pero a diversidade vai máis aló disto porque moitas veces non somos conscientes de que a xente nova e a vella falan de xeito diferente. Temos que ter en conta que hai moito coñecemento lingüístico que vai morrendo coa xente e tamén moitas palabras que van nacendo. A realidade é que as palabras nacen e morren e o galego será na medida en que poida crear palabras novas que cubran as necesidades que temos. Neste traballo fuximos da idea de protexer o idioma como se fora unha peza de museo porque queremos que a xente o visibilice como algo vivo.

Falar un idioma ten valor en si mesmo, pero tamén hai que pensar e sentir ne

Para que nazan palabras novas é preciso que unha lingua se fale.
Claro. Un dos obxectivos do proxecto tamén é que a xente valore a lingua porque é algo moi valioso e como tal haina que usar, e tamén pensar e sentir nela. O galego está nunha situación complicada, especialmente nalgunhas zonas. Hai datos que asustan porque a xente nova non o está usando e, se non se usa, non se poden crear palabras novas. Falalo xa ten valor en si mesmo.

Como son as diferenzas entre o galego das distintas zonas?
Isto das diferenzas é relativo porque para un falante calquera palabra que se separe un pouco da que el usa xa lle chama a atención, sen embargo en termos absolutos a lingua galega ten bastante unidade en comparación con outras. É dicir, as palabras en galego son todas bastante parecidas, distínguense nunha letra ou dúas cando noutras linguas esa distancia márcana ata oito letras.

Que caracteriza o galego que se fala na Mariña?
Na Mariña hai bastante variedade e hai razóns históricas que xustifican isto, como o illamento que durante anos sufriu a comarca respecto a grandes urbes como poden ser Lugo, A Coruña, Ferrol ou incluso Xixón. Hai diferenzas entre o galego de Ribadeo e o de Viveiro, por exemplo, pero se algo caracteriza A Mariña é que ten un léxico distinto ao do resto de Galicia. Por exemplo, úsase golpe en lugar de raposo ou brosa como machada e tamén conta con expresións exclusivas como ben deitei de que... 

A idea principal que se quere transmitir con esta iniciativa é que a lingua é máis do que cabe nun dicionario

Tamén está o galego do Occidente de Asturias.
Si, os que viven na Mariña identifican perfectamente o galego que se fala nos concellos asturianos lindantes, aínda que tamén ten as súas particularidades. No caso de San Cibrao, con toda a xente que chegou para traballar na fábrica, viuse unha tendencia curiosa de que a xente que procedía dos concellos máis lindantes con Galicia xuntábase con xente galega e os que chegaban de concellos máis ao interior, coma Mieres, por exemplo, facían pandillas de asturianos. Iso é porque os cercanos a Galicia podíanse expresar coa xente de San Cibrao na súa propia lingua.

Realmente o galego normativo non é o que se fala na rúa.
O galego normativo está para o que está. Cando as linguas elaboran unha normativa é para o seu uso en determinados contextos, pero iso pasa con todas. Por exemplo, o español tampouco se fala igual en toda España. A xente que aprende o galego, aprende o normativo a non ser que estea nun ámbito moi galegófobo cunha grande inmersión lingüística, pero os galegos falantes teñen a súa variante. Tamén está a parte de que os estándares da lingua son elitistas e discriminatorios en si mesmos: usando un exemplo afastado para exemplificalo, unha persoa do barrio do Bronx fala un inglés con particularidades que non é normativo e igual iso a marca, por exemplo, para ascender se non aprende o normativo.

"Antes de doar palabras é preciso doar moedas para conseguir o financiamento"

A universidade conta co programa de micromecenado Sumo Valor, a través do que pode recibir financiamento Lingua Viva.

Están captando fondos.
Si, xa temos o deseño avanzado e moitas cousas feitas, pero hai partes técnicas que precisan de financiamento e para iso temos en marcha a captación de fondos. Sempre dicimos que antes de doar palabras hai que doar moedas.

E como vai esa campaña?
Espero que vaia ben, aínda que é complicado porque compites con proxectos de investigación contra o cancro ou o covid cos que a xente se sente comprometida e que son obviamente moi importantes. Pero tamén é certo que o que fai ás persoas como somos son eses aspectos non tan vitais como a lingua, a cultura ou a maneira de estar no mundo e que tamén teñen a súa importancia para todas as sociedades.

Comentarios