Gabriel André: "A comunidade caboverdiana contribúe a situar Burela no mapa"

O interese deste cospeités polos países de lingua portuguesa levouno a encamiñar os seus pasos profesionais cara a Burela
Gabriel André. ARCHIVO
photo_camera Gabriel André. ARCHIVO

Gabriel André (Seixas, Cospeito, 1987) é licenciado en Filoloxía Galega e Portuguesa polas universidades da Coruña e de Santiago de Compostela e realizou mestrados de Procesamento da Lingua Natural (UAB), Tradución e Novas Tecnoloxías (UIMP) e, mais recentemente, Profesorado (Uvigo). Dende 2014 reside en Portugal, onde exerceu como tradutor e analista de contidos ata 2018, ano no que, no mes de marzo, comezou a traballar na Universidade Nova de Lisboa como Lector de Lingua, Literatura e Cultura Galega.

Vén de participar no I Curso Lingua, Literatura e Cultura de Cabo Verde en Burela, que os levou a pór en marcha este seminario?
Temos que agradecer ao Centro de Formación e Recursos de Lugo, os organizadores deste curso, que soubesen ver a importancia e a necesidade de realizar este proxecto, moito máis complexo do que é habitual en termos burocráticos e loxísticos debido ao seu carácter internacional. Sen a boa disposición e o esforzo de persoas como María Teresa González Rodríguez ou Miriam Bermúdez non sería posíbel. A idea de realizar o curso non é nova, a novidade é ter un pé en Lisboa, en virtude da colaboración que se vén mantendo nos últimos tempos entre o Centro de Estudos Galego da Universidade Nova de Lisboa e o IES Perdouro de Burela igual có contacto co profesor responsábel do curso, o doutor António Firmino.

Que valoración fai do resultado?
O resultado non podería ser mellor. Por unha parte, comezamos a corrixir unha situación de desigualdade que nos recorda o que acontecía en Galiza antes do ano 81, os profesores non saben falar a lingua do alumnado. Non podemos esquecer que aínda que a lingua oficial de Cabo Verde sexa o portugués, a lingua nacional e vernácula é o crioulo caboverdiano, moi diferente gramaticalmente. Por outra, este intercambio permitiu crear vínculos culturais e emocionais que permanecerán no tempo e que esperamos reforzar no futuro. Dependerá dos organizadores e non de nós que haxa futuras edicións, mais sinto boas vibracións.

Que peso ten a comunidade caboverdiana en Burela?
Non é fácil falar en termos numéricos. Cada vez repártense máis entre os concellos do contorno e caracterízanse por unha certa itinerancia, trasladándose frecuentemente a outros puntos da Europa con comunidades caboverdianas fortes. O que é innegábel é a súa relevancia en termos culturais, xa non só polo enriquecemento que implica para o noso país, senón porque contribúen significativamente a situar Burela no mapa. Penso que entre o mundo cultural galego e a cultura caboverdiana xurdiu unha chama que contribúe a manter unha imaxe positiva de todas as comunidades inmigrantes en Galiza.

Que semellanzas e diferencias destacaría da cultura caboverdiana con respecto á lingua e á cultura galega? 
Non é difícil para un galego ollar para a cultura caboverdiana e sentirse identificado. A cultura caboverdiana procede da sobreposición da cultura portuguesa ás culturas dos escravos africanos levados ás illas. Aquelas características herdadas do colonizador portugués son afíns á cultura galega, mais tamén moitas outras que derivan de condicións socioeconómicas semellantes: agricultura de subsistencia, emigración... A modo de curiosidade, en Cabo Verde adoran escoitar as notas necrolóxicas na radio (mantenha). A lingua deles herdou a maior parte do vocabulario galego a través do portugués.

De onde nace o seu interese por Cabo Verde?
Desde que souben que co galego podía ir polo mundo e coñecer outras culturas, sempre lle prestei unha atención especial aos países de lingua oficial portuguesa. Fascínanme especialmente os países africanos porque se trata dun mundo moi diferente, unha descuberta constante. Cando chegou o momento de escoller o meu centro de prácticas, non dubidei nin un segundo en escoller Burela, mesmo tendo na lista outros máis próximos. Desde ese momento, pasei do interese á inmersión.

Visitou o país?
Teño unha frustracionciña relacionada con esa cuestión. Cando regresei do meu intercambio no Brasil, en 2008, planeei a viaxe para facer unha escala dunha semana na Praia, a capital do país. Infelizmente, a compañía aérea decidiu adiar unha semana o voo e finalmente só tiven dúas horas para pasear polo exterior do aeroporto. Espero en breve ter a oportunidade de coñecer as illas.

Planeei unha viaxe cunha escala en Praia, pero a compañía adiou unha semena o voo e só tiven 2 horas no aeroporto

Que o levou a marchar a Lisboa?
Eu xa era emigrante en Portugal, como moitas das persoas da miña xeración que tiveron que saír porque aquí non había traballo. Levaba tempo tentando conseguir un lectorado e desta vez confiaron en min e no proxecto que presentei.

Cal é o seu cometido na Universidade Nova?
A miña función principal é difundir a cultura galega na universidade e na sociedade lisboeta. Son responsábel dunha materia, Lingua e Literatura Galega, e das actividades culturais que organiza o Centro de Estudos Galegos na cidade, como lanzamentos de libros, exposicións, concertos, feiras, teatro, intervencións en centros educativos... Tamén apoiamos a investigación vinculada á nosa cultura e tentamos crear contactos e intercambios culturais con organizacións galegas.

Falaba das actividades que promove relacionadas coa lingua e coa cultura galega en Lisboa, que obxectivo global teñen?
En primeiro lugar, que os portugueses saiban da nosa existencia. Portugal é un país monolítico en termos culturais e os portugueses teñen unha grande dificultade para entender que dentro de España poidan existir varias culturas. Por outro lado, na escola portuguesa non se estuda a historia da lingua e até recentemente tampouco a literatura medieval galego- portuguesa. En segundo lugar, actualizar a imaxe que teñen de nós, frecuentemente conxelada nos anos 70 e 80. A partir de aí, preténdese crear redes e vínculos a través da fronteira que permitan un intercambio cultural fluído e constante.

Fascínanme os países africanos porque se trata dun mundo moi diferente, é unha descuberta constante

Agora ten adultos como alumnos cando antes tiña adolescentes, cambia a perspectiva á hora de afrontar unha clase?
É bastante diferente, aínda que no que máis difire é no que acontece fóra das aulas. Obviamente, os problemas persoais e sociais que afectan ao desempeño dun adolescente non son os mesmos que afectan a un adulto. Na maior parte dos casos, na universidade non me teño que preocupar pola situación que ese estudante ten cando chega á casa. Digo na maior parte dos casos porque lamentabelmente sempre hai quen non está a pasar por un bo momento ou quen non pode pagar as taxas. De calquera maneira, por desgraza o sistema xa se ocupa de filtrar o alumnado en situacións sociais complicadas, que rara vez conseguen chegar á universidade.

Algún proxecto que lle gustaría levar a cabo?
Teño moitos proxectos e gustaríame levalos a cabo todos. Conseguir que a compañía de teatro Os Furabolos visite as escolas de Mozambique é un eles.

Pensa en volver a Galicia?
Aínda que resida fisicamente en Portugal, teño a cabeza máis dentro da Galiza que fóra. De calquera maneira, se as condicións económicas e profesionais o permitiren no futuro, sen dúbida.

Comentarios