Alfredo Llano: "Fronte a outras formacións nós ofrecemos seriedade e confianza"

O actual alcalde de Burela e candidato á reelección polo PSOE subliña o cambio positivo que sufriu o concello durante o mandato solicialista e aposta por continuar avanzando no mesmo senso

Alfredo Llano. AMA
photo_camera Alfredo Llano. AMA

Despois de ser alcalde durante catro anos en coalición cos nacionalistas, as eleccións de 2011 deixaron a Alfredo Llano na oposición, pero as de 2015 déronlle unha maioría absoluta. Despois de catro anos exercendo as tarefas de goberno, confesa que tivo as súas dúbidas á hora de volverse presentar pero finalmente «moitas circunstancias» fixeron que volva ser o candidato do PSOE.

Como está indo a campaña?
Está sendo moi positiva, con visitas a todos os barrios para falar cos veciños. A verdade é que a campaña parécese moito ao traballo diario que fixemos durante estes catro anos atendendo aos veciños.

Que valoración lle fan destes catro anos de goberno?
Hai opinións distintas, pero polo xeral nestas visitas fálase da vida diaria e non tanto de política. Evidentemente hai quen aproveita para pedir pequenos arranxos, coma unha beirarrúa en mal estado ou unha luz que non funciona pero polo xeral son conversas normais entre veciños.

Como leva ser o foco de todas as críticas ao ser o alcalde?
Esas actitudes deixan ver claramente que hai pouca alternativa política de verdade. Dedícanse a crear rumores, como o de que me vou ir ao Senado, co único obxectto de atacar por atacar sen ningunha base cando o que deberían facer é expoñer as súas propostas diante dos veciños. Neste senso, a campaña está deixando moito que desexar porque se basa en ataques para derrubar a unha persoa. 

Recoñeceu que tivo dúbidas á hora de volver presentarse á alcaldía, que lle fixo tomar a decisión de volver facelo?
As dúbidas viñan dadas polo feito de que me quedan tres cursos e medio para xubilarme e, por unha parte, quería facelo no instituto porque a miña vocación é o ensino. Pero despois hai moitas circunstancias que inflúen, como culminar unha serie de proxectos que temos empezados. Hai que ter en conta todo e apostei por seguir para dispor doutros catro anos para que Burela siga avanzando
e se consolide como un concello forte e dinámico. Resulta moi pracenteiro ir vendo como se van conseguindo proxectos.

Que logros destacaría destes últimos catro anos?
Houbo moitos cambios en positivo. Por exemplo, leváronse a cabo moitas melloras nos espazos públicos e fixéronse algúns cambios significativos no tráfico. Tamén se fixo unha mellora espectacular no Monte Castelo coa plantación de árbores autóctonas e deuse un cambio radical no eido deportivo, coa celebración aquí de moitos eventos, e no cultural con un dinamismo espectacular. Tamén apostamos polo sector turístico con novas propostas como as rutas xeolóxicas e mantivemos un contacto fluido coas asociacións para desenvolver actividades en conxunto. A nivel económico tamén lle demos unha volta á situación municipal e agora non só non temos débeda senón que hai un importante remanente.

"O noso proxecto de humanización inclúe unha remodelación da rúa Rosalía de Castro"

Que cousas lle quedaron aínda pendentes?
É importante a nova depuradora, na que xa levamos catro anos traballando. É unha obra complexa, pero a Xunta non axudou nada e a pesar de que hai estudos e proxectos aínda non se fixo nada e xa debería estar, polo menos, comezada. Tamén queremos limpar e amañar o encoro de Rúa agora que o consorcio da auga se vai converter nunha mancomunidad e queremos seguir coa humanización do casco urbano. De feito, neste senso xa hai un proxecto para cambiar a rúa Rosalía de Castro,
tanto estética como funcionalmente. Xa está en marcha tamén a remodelación do pavillón Vista Alegre, pero non renunciamos a unhas instalacións novas.

De cara ao domingo, dá algunha vantaxe estar no goberno?
Non sei cal vai ser o resultado, pero percibo boas sensacións. É verdade que hai moitas candidaturas, pero nós ofrecemos seriedade e confianza á xente é iso é o que realmente os veciños valoran.
 

Comentarios