Se eu fose alcalde...

"Fronte a un goberno esgotado e dividido é a hora do cambio: ilusión, xestión e traballo é o que nós representamos"

Dani Vega. EP
photo_camera Dani Vega. EP
Dani Vega
Candidato do PP en Ribadeo
Idade: 40 anos
Lugar de nacemento: Arante (Ribadeo)
Primeiro ano como candidato: 2023
Afeccións: Lectura, pasar os ratos libres cos amigos e estar en contacto directo coas persoas


Dani Vega (1983), natural da parroquia de Arante en Ribadeo, é o candidato do Partido Popular de Ribadeo para as vindeiras eleccións municipais. É técnico agrícola de profesión e como afeccións ten a lectura, pasear os ratos libres cos seus amigos e estar en contacto directo coas persoas. Como el mesmo di: "Sempre estou pendente da miña familia" e engade que "profeso un amor por Ribadeo total e absoluto".

O candidato está estreitamente vencellado co sector agrogandeiro pois, como técnico agrícola desenvolveu o súa labor profesional nunha cooperativa do sector lácteo realizando labores de asesoramento gandeiro. "Os meus inicios na política foron por absoluta vocación. Eu tiña a miña profesión pero nos ratos libres sentía a necesidade de traballar por mellorar Ribadeo e mellorar a vida dos veciños e veciñas", subliña.

"O meu obxectivo principal e o do meu equipo segue a ser o mesmo: poñer a Ribadeo na cima. Nestes últimos catro anos fixemos un bo traballo transmitindo confianza coas nosas actuacións e seguiremos nesa liña de ilusión, xestión e traballo", di.

Impulso económico que necesita

Ribadeo Para o candidato popular é urxente un impulso económico para o municipio xa que "nestes catro anos o BNG non aportou ningunha idea, ningún proxecto, sempre foi a rebufo das nosas peticións e da nosa xestión".

Neste aspecto remarca que «nós queremos deixar atrás un BNG de desidia, división e falta de ideas» a través dunha estratexia ben definida e clara: o aumento da oferta de solo industrial cunha baixada do prezo, baixar os seus impostos, e así impulsamos o polígono industrial para atraer máis empresas e dinamizar o comercio e a hostalería. "É necesario facer unha baixada de impostos a todas as empresas da vila para facer fronte á inflación e á subida xeneralizada dos prezos" e engade que "neste mandato e dentro das nosas posibilidades, trasladamos numerosas propostas para a baixada de impostos de certos sectores ou a baixada do IBI".

Obxectivos moi claros para Ribadeo

O candidato fai referencia a varios aspectos cos que lle gustaría que Ribadeo crecera como é o caso da construción do novo centro de saúde que gracias á inacción política do goberno do BNG está parado. "Xestionamos o novo centro de saúde para aumentar os servicios sanitarios e foron incapaces de levar a cabo a reforma urbanística necesaria para levar a cabo esta obra, así como a compra dos terreos que aínda non o fixeron. É lamentable que o BNG utilice algo tan serio como a sanidade para facer os seus cálculos electorais".

Outro dos compromisos que se marca Vega é solucionar o tema do Hospital Asilo. "As accións que estamos a desenvolver tradúcense nun compromiso con todas as persoas que viven no Hospital Asilo e coas súas familias". Neste sentido, o grupo municipal popular presentou unha moción onde esixían explicar a herdanza do Doutor Moreda xa que o goberno do BNG non daba explicacións. Unhas semanas máis tarde trasladaron outra moción, na que o goberno do BNG votou en contra, para redactar un proxecto para a reforma do Hospital Asilo e tamén para a creación dunha comisión de seguimento que detallara os pasos que se estaban a dar. "Unha vez máis amosaron unha deslealdade absoluta cos ribadenses", resalta Dani Vega. En definitiva, o alcaldable subliña que "a Xunta de Galicia comprometeuse a reubicar a todas as persoas o máis preto posible de Ribadeo e nós xestionaremos o orzamento necesario para a súa reforma".

Noutra orde de cousas, Vega explica que o casco histórico de Ribadeo debe xogar un papel fundamental para o desenvolvemento económico e social da vila. "O casco histórico é unha riqueza máis que nos amosa Ribadeo e debemos ter unha estratexia común para promocionalo. Debemos aproveitar as posibilidades que nos ofrece para potencialo moito máis".

O grupo municipal popular está preto dos veciños no día a día e por iso levan trasladando desde hai moito tempo as súas demandas. Neste sentido, os populares levan reivindicando durante estes catro anos máis aparcamentos para os veciños de Ribadeo. "Durante a etapa do BNG sempre foron promesas baleiras de contido e prometendo sen cumprir. Sabemos que é un tema complexo pero hai que abordalo. O que non se pode facer é enganar durante tantos anos á xente".

Por outra parte, Vega explica que é importante mellorar as vías e estradas en Ribadeo. "Ademais de mellorar a comunicación hai que mellorar o seu pavimentado, a súa sinalización e sobre todo ensanchalas para axudar ao rural". O alcaldable engade: "Temos tamén entre as nosas prioridades converter o antigo colexio das monxas nun edificio para a Escola de Música de Ribadeo e garantir e renovar o sistema de abastecemento da auga".

Turismo e actividade cultural

Desde a agrupación popular ven necesario unha estratexia concisa no turismo e nas actividades culturais en Ribadeo. "Temos que desestacionalizar o turismo e a actividade cultural tanto para os máis novos como para os nosos maiores".

En canto as celebracións e festas das parroquias o alcaldable cre necesario a creación do Patronato para axudar a organizar os festexos e así dinamizar tamén actividade e o comercio, tendo a posibilidade de ofrecer unha unión estable cos sectores principais.

Defensa do rural

O sector gandeiro e agrícola, é dicir, o rural de Ribadeo é moi importante para o proxecto do candidato. "Como xa vimos amosando durante os últimos catro anos o rural e o apoio ao sector primario é fundamental para nós". Neste aspecto o grupo municipal popular colaborou coa asociación A Sucadoira amosando un compromiso cos produtos locais e entregando aos centros educativos produtos envasados elaborados previamente pola asociación. Con respecto ao sector gandeiro, demonizado polo goberno do BNG e o goberno de Pedro, os populares opinan que "o problema non son os gandeiros nin a gandería. É unha opción de vida. O problema e temos que protexer aos gandeiros do lobo, non ao revés".

Vistas de Ribadeo. JM ÁLVEZ (AEP)
Vistas de Ribadeo. JM ÁLVEZ (AEP)
Formación profesional
Pulo aos sectores agroforestal e naval
O Centro de Experimentación e Formación Agraria Pedro Murias de Ribadeo consolidouse como un referente na formación dual que garante as prácticas remuneradas en empresas desde o primeiro momento. O ciclo de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural, ligado ao sector forestal, xunto a formación específica para a construción de barcos de fibra e en colaboración con Astilleiros Gondán "foi unha xestión do noso grupo municipal cos diferentes centros e a coa decisión da Xunta de Galicia de apoialo. Pero non nos quedamos aí e xa estamos traballando en máis formación".