Foz suspende as festas e os eventos con moitos asistentes ata o mes de outubro

O Concello reforzará a programación cultural con novidades como o cine ao aire libre. Tamén haberá teatro ou pequenas actuacións musicais na rúa
Normanda
photo_camera Festa Normanda, un dos eventos máis multitudinarios de Foz. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, anunciou este sábado a suspensión de todas as festas e eventos multitudinarios en todo o municipio ata o próximo mes de outubro. "Estamos nunha situación completamente excepcional, de privación da liberdade individual para garantir a saúde pública do conxunto da poboación", explica e subliña que o Concello tomou esta decisión "por unha tripla motivación: responsabilidade, seriedade e seguridade".

Cajoto defendeu que ao non ser posible limitar o aforamento dunha verbena nin manter o aforamento físico que esixen os protocolos sanitarios do Covid-19, tómase a decisión da cancelación porque "a prioridade deste goberno desde o inicio da crise sanitaria foi a saúde das súas veciñas e veciños". 

O rexedor tamén recordou que durante os meses de verán o municipio chega a triplicar a súa poboación, polo que desde o goberno local "estanse adoptando de forma seria todas as medidas que están na nosa man para conciliar o motor económico que supón o turismo, pero sempre priorizando a saúde pública".

O goberno contempla cortes parciais do tráfico nalgunhas rúas durante o verán para evitar aglomeracións

Neste sentido, Cajoto mostrouse crítico coa Administración autonómica ao non facilitar os datos da incidencia do virus no municipio, "negando a posibilidade de estudar as medidas a levar a cabo coa base real da incidencia coñecida". Precisamente polo aumento poboacional, Cajoto tamén pide a colaboración da Xunta para reforzar o persoal sanitario, xa que "a asistencia sanitaria, xa de por si insuficiente ao longo do ano vese superada non verán, cunha afluencia de visitantes que non se suple co único reforzo dun profesional no centro de saúde". 

"Toca reinventarse", engadiu, "é preciso ser responsable, tanto por parte da administración como do cidadán e niso debemos ir todos xuntos e debense repensar as formas de lecer que coñecíamos, as aglomeracións deben evitarse e as distancias respectarse e temos que facelo intentando simplificalo para todos". 

Eses cambios no lecer estival implicarán unha programación cultural reforzada con novidades como o cine ao aire libre, "cunha carteleira variada e actual, que se proxectará no núcleo e no rural do noso concello", explicou o concelleiro de cultura, Héctor Moris. A isto sumarase un ciclo de teatro, o festival Bay e Gai de música clásica, Sons na Rúa, "sempre que as medidas de seguridade sanitaria o permitan", actuacións da banda de música ou pequenos concertos simultáneos de ambientación na rúa. "O fundamento desta programación, que se poderá ampliar ou ver modificada, é poder desfrutar dunhas actividades de calidade cun aforamento controlado, en actuacións onde o público estea sentado e se poida garantir o distanciamento físico", explicou Moris. 

O alcalde tamén avanzou que estas medidas complementaranse con cortes parciais de rúas ao tráfico durante o verán "de forma que se eviten concentracións e se facilite a recuperación económica". "É momento de ser responsable e valente nas decisións e en levalas a cabo. Isto superarémolo xuntos", finalizou. 

Comentarios