Foz reinventa o seu festival Vrao con Ortiga, Familia Caamagno, Momboi e outros artistas

O Concello organiza unha cita musical que se levará a cabo sábado e domingo na praza Conde de Fontao
Ortiga. JANITE
photo_camera Ortiga actuará no festival Vrao. JANITE

O Festival Vrao volve a Foz tras seis anos. Celébrase este fin de semana, con entrada libre, e este sábado ontará coas actuacións musicais de Momboi, Grande Amore, Ortiga, e Músculo! (dj set).

O domingo sairán ao escenario Macheta Spahsound, Familia Caamagno, Dios Ke Te Crew e Violeta. Os concertos serán na Praza Conde de Fontao a partir das 21.00 horas.

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, explicou que "un dos obxectivos claros desde que entramos a gobernar é promover a cultura e especialmente aos creadores galegos". Por iso desde o Concello de Foz decídese retomar o festival Vrao "reinventándoo". Quéreselle dar maior entidade, contando cos organizadores que o facían anteriormente pero "dándolle máis músculo e co obxectivo claro de convertelo nunha referencia no verán en Foz", engadiu.

"Non hai moitas alternativas, quizais, pensadas para a xente máis nova. O formato habitual de festas son as verbenas e hai festivais de grande entidade na comarca como é o Resurrection Fest, un referente a nivel internacional. Desde Foz cremos que había un nicho moi importante sen ocupar, como é promover os grupos musicais que están a ter un grande impacto e calado entre a poboación máis moza", explicou o alcalde.

Ao apostar por estes grupos búscase promover a cultura galega. "Redobramos esforzos e con dous días de festival e cun cartel que ten unha grande entidade na música independente galega, con Familia Caamagno, Ortiga, Momboi ou Grande Amore, entre outros".

Esta vai ser unha primeira reedición reinventada de Vrao, e chega tras dous anos de pandemia "nos que quizais a xente maior tivo as súas grandes dificultades, pero penalizouse moito tamén aos rapaces de 18 e 20 anos, que é cando máis queres saír ou divertirte", afirma Cajoto. "Vímonos obrigados a quedar na casa e tiñamos unha débeda con eles". Preténdese que a mocidade "se anime a participar da música e a desfrutar de Foz dun xeito distinto".

Vrao é un festival que financia integramente o Concello de Foz "e temos unhas boas expectativas postas nel", asegura o alcalde. "É un reinicio do festival, reiventándoo. Queremos ver o calado que ten para traballar na liña de que continúe a medrar noutras próximas edicións. Sempre intentamos innovar", comentou o alcalde de Foz, un concello cunha programación cultural moi ampla.

"A verdade é que coa listaxe de iniciativas que en moitos casos estamos a promover directamente desde o Concello e noutros en colaboración con distintas asociacións e colectivos do pobo, Foz estase a converter nunha referencia no verán. De feito, moita xente escóllenos porque hai moitas actividades para non aburrirse en ningún caso", concluiu Fran Cajoto, que anima a pasalo ben.

Comentarios