Foz pon en funcionamento cinco desfibriladores e imparte un curso

"Sabemos que esto pode salvar vidas", explica a concelleira de sanidade, Milagros Louzán

Foz
photo_camera Entrega do desfibrilador aos axentes da Policía Local. EP

O Concello de Foz acaba de poñer en funcionamento cinco desfibriladores semiautomáticos para utilizar en caso de parada cardíaca e impartiu un curso sobre o seu uso para traballadores municipais dentro da súa intención de convertir o municipio nun espazo cardioprotexido. "O Concello fixo este envestimento en cardioprotección porque sabemos que pode salvar vidas", explica a concelleira de sanidade, Milagros Louzán, "e imos seguir traballando no obxectivo de que o noso pobo chegue á taxa de dez desfibriladores por cada 10.000 habitantes". Tamén se seguirán impartindo cursos.

Ata o de agora Foz dispoñía dun desfibrilador no pavillón Torques de Marzán, pero non estaba dado de alta nin contaba con todos os elementos precisos e ningunha persoa contratada polo Concello tiña o curso para poder utilizalo. Por outra banda, Protección Civil conta con dous desfibriladores pero a un deles faltáballe a batería e ambos precisaban dotación de material funxible e mochilas. A primeira medida foi poñer a punto os aparatos que xa había. Despois compráronse outros dous desfibriladores e todos os elementos que a lexislación vixente esixe para o seu rexistro. Un deles é para o coche da Policía Local e o outro estará no campo de fútbol de Malates, aínda que como é portátil poderase levar a outros eventos deportivos.

Desde a Policía Local, o xefe en funcións, Cándido Lestegás, di que "é unha ferramenta máis para mellorar a atención ao cidadán", tendo en conta que eles chegan «antes que a ambulancia en moitas ocasións». O presidente da agrupación local de Protección Civil, Santos Marqués, tamén destaca a súa importancia no caso de toparse cunha persoa en parada cardiaca.

Comentarios