lunes. 12.04.2021 |
El tiempo
lunes. 12.04.2021
El tiempo

A forxa de Sargadelos cobra vida

Telmo Cao, na escaleira na que traballa. EP
Telmo Cao, na escaleira na que traballa.
O artesán sancibrense Telmo Cao leva uns meses traballando na antiga nave de fundición do complexo industrial cervense

O edificio da antiga nave de fundición de Sargadelos, que data do século XVII, volve ter vida dende fai uns meses. O artesán do ferro Telmo Cao (www.obradoiroscao.com) apostou por este espazo do seu municipio natal para instalar un dos seus talleres. O outro teno na localidade barcelonesa de Vic. "Trasladei o taller que tiña en Abegondo para aquí e aínda me estou asentado, pero o espazo é unha maravilla e teño proxectos en mente que quero desenvolver", recoñece Cao, que nestes intres está inmerso nos últimos detalles do proxecto de construcción dunha escaleira para unha vivenda en San Cibrao. "Son unhas escaleiras un pouco especiais que están inspiradas no fondo mariño, nas correas, unhas algas que tiñamos aquí e que están empezando a desaparecer", explica.

Son precisamente proxectos coma este, as varandas, cos que máis goza á hora de traballar. Neles desprega toda a súa parte artística, dende o deseño ao forxado do ferro. "É un proceso moi laborioso e moi exclusivo porque cada cliente ten uns gustos particulares e cada espazo suxíreche cousas diferentes", explica, algo que tamén se aplica a outros proxectos como portas ou portóns. Todo empeza por un debuxo. Del sae a peza final despois de pasar polo debuxo técnico e o que se fai a escala para traballar sobre el co ferro quente. "O tempo de traballo varía en cada proxecto, pero nestas escaleiras levo catro meses", recoñece este ferreiro con alma de artista que non dubida en asegurar que a principal cualidade para desenvolver o seu traballo ten que ser a de debuxar ben. "O deseño é o que te diferencia da industria xunto coa calidade", di. "Estes traballos están feitos con ferro macizo forxado e son deseños exclusivos dunha gran calidade e iso é o que che permite competir coa industria", engade.

Unha competencia sempre dura que sen embargo non lle fai dubidar a Cao sobre o futuro que hai na forxa. "Penso que ten futuro porque é unha parte da nosa cultura que se está perdendo e a xente sábeo e unha persoa que valora este traballo sabe aprecialo cando ve que se fai como antigamente", asegura. Porque así, como se facía antigamente, é como el traballa aínda que botando man de cando en vez de novas ferramentas: "Hoxe utilizamos o coñecemento tradicional de toda a vida de quentar o ferro e volvelo plástico para moldealo, pero tamén aplicamos ferramentas novas como soldaduras eléctricas ou cortes por láser. Hoxe tense acceso a maquinaria moderna e tela que combinar co tradicional para seguir sendo competitivo".

TRABALLO. Cao acostuma a traballar só, aínda que dependendo das características do proxecto pode botar man dun equipo de forxadores cos que colabora habitualmente. Nun día de traballo pode combinar as distintas fases dun proxecto, pero recoñece que o traballo unicamente de forxa é moi duro, polo que permite facer unhas seis ou sete horas diarias: "Se fas máis, porque podes chegar a facer dez ou doce, xa sabes que ao día seguinte estarás realmente canso".

Nunha nave das dimensións da de Sargadelos, Cao conta cunha forxa de carbón para quentar o ferro e outra de gas para producir máis en serie e dous martelos pilóns, "que son os que fan o traballo bruto cando tes que machacar o ferro e darlle moito movemento, antes de acabar de darlle a forma definitiva á man". Pero na súa mente xa está montar catro postos máis de forxa de cara ao ano que vén "para poder meter máis xente e tamén para dar algún curso incluso de especialización para profesionais ou para rapaces aos que lles falte un pouco de bagaxe no taller".

Porque realmente formarse como ferreiro non é de todo sinxelo, nin para el que medrou arredor dun taller. Aprendeu moito do que sabe dende neno co seu pai, profesor de cerámica na escola Pablo Picasso da Coruña, e despois de cursar estudos de escultura, fixo prácticas co maestro ferreiro Miquel Xirau en Barcelona. Percorreu forxas en distintos puntos de España y coñeceu de preto o traballo dos ferreiros dos Oscos, Taramundi e da Fonsagrada. "Realmente empecei facendo coitelos, pero agora apenas traballo esa parte porque me fun decantando máis pola forxa artística", afirma.

A súa formación incluíu estancias en Italia, onde aprendeu a fundición en bronce, e en Francia. Tamén traballou na Sagrada Familia de Barcelona, o que lle abriu as portas do mercado catalán e balear, que se suma ao que ten no norte peninsular, sobre todo no País Vasco.

A forxa de Sargadelos cobra vida
Comentarios