lunes. 12.04.2021 |
El tiempo
lunes. 12.04.2021
El tiempo

Folga nas tripulacións do Gardacostas por un recorte salarial do 13 ao 30%

c
Helicóptero de Gardacostas. EP

Os traballadores din que agora mesmo están ao límite

As tripulacións do Gardacostas iniciaron este venres unha serie de xornadas de folga, que farán durante os dous vindeiros meses, convocados polos sindicatos Sepla, UGT, CC.OO., SLTA e Asetma, debido ao anuncio do grupo inglés Babcock, adxudicatario dos servicios de Salvamento Marítimo español, dunha modificación substancial das condicións laborais, que implican unha redución salarial de entre o 13 e o 30 por cento.

O primeiro paro tivo lugar onte, aínda que se deu a circunstancia de que a empresa impuxo uns servicios mínimos do cento por cento, razón pola que a posibilidade de realizar accións sindicais e de secundar a folga é nula. Neste senso, engaden que cando se producen labores de mantemento ou avarías, a empresa non dubida á hora de que as bases queden inoperativas, pero «ahora no nos permite desarrollar nuestro derecho a la huelga», precisan.

Haberá paros case todos os días ata o vindeiro día 31 de maio e a previsión é de que continúen nos seguintes meses ante a decisión "unilateral" da firma, que saben que acadou contratos importantes e que perdeu outros por "mala gestión de la dirección". O anuncio da rebaixa producíuse xusto antes de constituirse a mesa para negociar o novo convenio colectivo dos traballadores.

Os profesionais do Gardacostas, que padeceron unha conxelación salarial nos anos máis duros da crise e incrementos inferiores ao Índice de Precios ao Consumo (IPC) na última década, acumulan xa unha perda de poder adquisitivo á que se sumaría a rebaixa proposta.

Trátase dun traballo moi especializado, que require un alto nivel de cualificación e ademais é totalmente vocacional, algo que con ese cambio se volve «insostenible» para unhas tripulacións que realizan 2.000 horas presenciais ao ano e que traballan os 365 días durante 24 horas, en quendas de 12. O seu convenio non diferencia entre festivos, domingos ou noites, teñen disponibilidade durante 225 días ao ano e vacacións non remuneradas, que ademáis lles poden denegar por necesidades do servizo.

A iso engaden que lles varían a programación laboral cada poucos días. As xornadas especiais de traballo que teñen fan que a empresa organice as horas con total liberdade. Aseguran os traballadores que agora mesmo están "en shock" porque o persoal que compón as tripulacions está moi axustado: "Estamos al límite", aseguran.

Folga nas tripulacións do Gardacostas por un recorte salarial do 13...
Comentarios