O Flecha xa ten a súa réplica

O celeirés Severino Balseiro presentou a maqueta que fixo deste barco do pincho en activo. Ensinouna no Rolindes e botaraa a navegar en canto lle incorpore a batería e o chumbo
Severino Balseiro, coa maqueta do pincheiro Flecha. JOSE Mª ÁLVEZ
photo_camera Severino Balseiro, coa maqueta do pincheiro Flecha. JOSE Mª ÁLVEZ

A paixón de Severino Balseiro por recrear grandes barcos en maquetas radiocontroladas con todos os detalles non ten fin e acaba de presentar a súa última creación, unha réplica do Flecha. Trátase dun pesqueiro en activo do porto local, "un barco moi bonito, dos máis grandes de Celeiro, de máis de 34 metros", sinala, e que ademais é propiedade dun bo amigo seu do mesmo nome que o pincheiro.

Balseiro presentou a réplica no exterior do Rolindes, onde a puxo a funcionar "como se estivese navegando", aínda que máis adiante lle fará a botadura como adoita facer na praia. "O barco -a escala 1:22, con 156 centímetros de eslora e 36,5 de manga- vai listo para navegar, só lle falta a batería e o chumbo, que é para lastralo", conta. Detalla que leva uns 26 quilos deste material, o que fai que o peso total sexa duns 35.

"Para min é unha honra facer estes barcos", comenta o maquetista, que xa ten creados 25, entre eles outros dous da frota de Celeiro, o Mariscador e o Pino Ladra. Co Flecha comezou no 2019 pero en xaneiro do 2020 fixo unha pausa para poñerse co trasatlántico Santa Isabel ao coñecer a súa historia e enterarse de que ía cumprirse o centenario do afundimento, no que tivo un papel destacado o viveirés Luis Cebreiro. Xunto con esta maqueta fixo a da primeira lancha de salvamento que Cebreiro trouxo para Viveiro e, ao rematar, volveu ao Flecha.

A elaboración comeza cunha ollada aos planos do navío orixinal, pero Severino opta por "ir ao barco de verdade, facer un montón de fotos e coller medidas", pois do que se debuxa nos planos ao que se constrúe adoita a haber cambios. "É de tontos non facelo tendo os barcos aquí e o permiso dos armadores, e neste caso Flecha deume tódalas facilidades", di. Despois fai os planos da maqueta e comeza a preparar as partes, para o que emprega "chapa marina para as cuadernas", castiñeiro para o resto das pezas e fibra para que non entre a auga. "Fago todo artesanal", explica, e para a parte de electricidade e mecánica bota man da reciclaxe, pois por exemplo "para as luces aproveito as da árbore de Nadal e o motor é dun elevalunas dun coche".

Más en A Mariña
Comentarios