"No final da vida danse moitos escenarios que non son eutanasia"

Afrontar a morte segue sendo un tema tabú na sociedade actual, pero os profesionais que traballan cara a cara e a diario con ela, como a enfermeira de coidados paliativos do Hospital Público da Mariña, Lucía Balea, saben que cada persoa a afronta dun xeito diferente. Chegado o momento é importante coñecer tódolos xeitos de enfrontarse a ela
Lucía
photo_camera Lucía Balea, no Hospital Público da Mariña. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O comité de Ética Asistencial da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte organiza este xoves pola tarde, ás cinco na casa da cultura de Burela, unha charla informativa baixo o título O final da vida e a lei da regulación da eutanasia para arroxar luz sobre esta nova normativa ao mesmo tempo que dan a coñecer o labor deste órgano consultivo, do que a enfermeira Lucía Balea é vogal dende o mes de outubro. 

Como xurdiu a posibilidade de facer a charla informativa?
En outubro do ano pasado incorporámonos ao Comité de Ética Asistencial da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte catro persoas da Mariña e como non se tiña feito ningunha actividade na comarca decidimos levar a cabo esta xornada para achegar tanto á poboación xeral como aos propios sanitarios de Atención Primaria e do hospital este tema do final da vida, que nunca se tratara. 

Que temas se abordarán?
Haberá tres ponentes. A médico de familia Arantxa García, que é especialista en coidados paliativos, vai explicar con casos prácticos unha serie de escenarios do final da vida porque o sentido desta xornada é informar un pouco sobre a lei da eutanasia, pero sobre todo clarificar conceptos con respecto ao final da vida porque se dan moitos escenarios. Vai estar tamén Isabel Vila, enfermeira experta en coidados paliativos que vai informar da importancia do coidado e do acompañamento dos profesionais da enfermería no final da vida. E o terceiro relator será Miguel Vieito, avogado especialista en dereito sanitario e en dereito contra a discriminación que dará a visión máis legal da lei.  

Fala de que no final da vida se dan moitos escenarios. 
Si. A eutanasia é un acto moi directo e voluntario que implica o fin da vida nun momento que o paciente determina que iso é o que quere, pero hai moitos outros escenarios. Por exemplo unha sedación paliativa; limitar o esforzo terapéutico, é dicir, ata onde instauramos un tratamento cando hai unha enfermidade; ou o rexeitamento dunha persoa a recibir un tratamento. O contexto eutanásico é un contexto moi minoritario, o fin da vida é algo moi común a diario e hai un abanico de conceptos que queremos tamén clarificar con esta charla. 

Rexistrouse na Mariña algunha petición de eutanasia?
Que nós teñamos constancia non, pero as peticións xestiónaas a dirección asistencial, polo que non somos coñecedores delas. Nós, pola nosa profesión, si que convivimos día a día co final da vida e aí si que manexamos outros conceptos como o rexeitamento dun paciente ao tratameno, por exemplo que non quere seguir someténdose a quimio, ou a limitación de esforzo terapéutico, é dicir, cando un profesional sanitario decide que unha medida como instaurar ventilación ou unha sonda nasogástrica non vai ser beneficioso para o paciente. 

Entendemos que os escenarios eutanásicos van ser moi limitados, como nos países nos que os teñen aprobados

Como profesionais en paliativos viven esta situación dun xeito diferente. 
Igual que ninguén é consciente do principio da vida, o final da vida si que o vivimos en primeira persoa e depende de moitos factores persoais e da enfermidade. Profesionalmente é moi gratificante acompañar nunha parte da vida á que lamentablemente vivimos moi de costas e deberiamos falar un pouco máis dela. 

Hai un tabú á hora de falar do tema da morte?
Si, eu creo que as xeracións anteriores, as de nosos avós, convivían máis coa enfermidade, co coidado e coa morte e agora vivimos nunha sociedade máis enfocada cara a perfección e a beleza e a morte, evidentemente, non é bonita. É algo que imos ter que enfrontar todos e falar dela cos nosos, coa familia e cos amigos, e tamén con profesionais sanitarios de confianza, sobre todo se padecemos algunha enfermidade grave, axuda a afrontar mellor ese paso que vamos ter que dar todos. Non por falar da morte esta vai chegar antes ou despois. 

Está o sistema sanitario preparado para aplicar esta lei?
Agora mesmo o sistema sanitario está tensionado, tanto pola saturación pandémica como pola falta de recursos humanos. Entendemos que os escenarios eutanásicos van ser moi limitados como o son en calquera dos países nos que está aprobado, pero vai supoñer para o médico responsable unha tarefa importante de deliberación co paciente. A esa persoa hai que presentarlle todas as opcións terapéuticas e de soporte sociosanitario que ten para asegurarse de que o que quere é a eutanasia. 

Hai persoas que deciden que a vida tal e como a entenden non é o que están vivindo e teñen dereito a elixir poñerlle fin

Era esta unha lei necesaria?
Só podo dar a miña opinión persoal e para min é unha opción máis que non porque estea aí se vai abusar dela. É unha decisión dun calado tan trascendente que está ben que estea aí porque hai xente que o resto de opcións que existen non satisfacen os seus desexos. Hai persoas que cun control axeitado dos síntomas, con asistencia e con coidados paliativos axeitados e incluso cun bo soporte social e familiar, decide que a vida tal e como eles a entenden non é o que están vivindo. Chegado ese momento, esas persoas teñen dereito a elixir que queren poñer fin ao que eles entenden que xa non é vida para eles. 

Comentarios