Un dos fillos de Díaz Pardo repasou no IES Perdouro a labor de seu pai como editor

Camilo Díaz destacou o impulso que lle deu seu proxenitor á recuperación da memoria histórica en Galicia e o feito de darlle voz a moitos intelectuais galegos
Camilo Díaz dirixiuse a un grupo duns 50 alumnos do centro burelés. EP
photo_camera Camilo Díaz dirixiuse a un grupo duns 50 alumnos do centro burelés. EP

Camilo Díaz Arias, un dos fillos de Isaac Díaz Pardo, estivo o xoves no IES Perdouro de Burela para falarlle a uns 50 alumnos de 4º ESO e do Ciclo Medio de Xestión Administrativa da labor do seu proxenitor como editor e impulsor da recuperación da memoria histórica en Galicia. 

A conferencia, enmarcada na exposición O Castro tamén na orixe da literatura infantil e xuvenil, que se poderá visitar no centro burelés ata o día 30, serviu para repasar o nacemento de Ediciós do Castro en Sada, no ano 1963, unha editora que sacou á luz 1.500 volumes, entre os que destacou sobremaneira Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, o máis vendido con 24 edicións tiradas. Camilo Díaz tamén repasou a inxente labor de Díaz Pardo para dar voz aos intelectuais galegos que tiñan dificultades para publicar.

Camilo Díaz tamén falou de Isaac como persoa, lembrando como quedara marcado seu pai pola morte do seu avó, Camilo Díaz Baliño, represaliado ao rematar a Guerra Civil. Ese feito levouno a marchar de Santiago, primeiro cara á Coruña e finalmente desprazándose a Madrid, onde estudou Artes e colleitou moita sona entre os pintores da capital. A pesar diso, decidiu volver a Galicia e instalarse no Castro, no municipio de Sada, para emprender a aventura de montar unha fábrica de cerámicas, iniciativa que repetiría tamén máis tarde na Arxentina.

Finalmente, tamén tivo tempo para contar algunha anécdota de como era o Isaac pai cando xogaba con el e os seus dous irmáns. Ideaba papaventos para eles e mesmo lles chegou a construír nunha ocasión un camión de madeira para que puideran xogar nel subindo e baixando costas.

Comentarios