A figura de Cunqueiro centra un curso de verán da USC

O escritor lugués Claudio Rodríguez Fer ofrece a conferencia inaugural falando dos universos do escritor mindoniense e de Borges
undefined
photo_camera Claudio Rodríguez Fer. AEP

O escritor Claudio Rodríguez Fer abre este venres no auditorio de Mondoñedo o primeiro encontro Álvaro Cunqueiro, "Co camiño de quita e pon 81981-20219", que se prolonga ata o sábado.

Estes encontros, da Universidade de Verán da USC, reunirán a algúns dos mellores especialistas da vida e obra do escritor mindoniense, co fin de analizar a actualidade e a vixencia da súa figura e escrita no 40 aniversario do seu pasamento, os 30 anos da celebración do día das Letras Galegas adicado a el e os 50 da publicación de Xente de aquí e de acolá, entre outras efemérides.

Na conferencia inaugural, Rodríguez Fer abordará as figuras de Borges e Cunqueiro. Falará, entre outras cousas, do xudaísmo de Borges e de Cunqueiro, da zooloxía fantástica e dos seres imaxinarios nos dous escritores, o protagonismo deses seres e obxectos fantásticos nas súas obras ou a súa preocupación común polos labirintos.

Baixo o título 'Borges e Cunqueiro, creadores de labirintos' disertará sobre todos estes temas seguindo un guión no que será clave a recensión do 'Manual de zoología fantástica' de Borges, feita por Cunqueiro en El Progreso en 1958.

Segundo avanzou o ponente, abrirá a súa intervención recordando que fai 30 anos, en xullo de 1991, el mesmo organizou un encontro sobre Cunqueiro e a cultura europea no campus de Lugo ao que asistiu como alumno, Armando Requeixo, que é o director deste encontro.

Programa. Esta será a primeira doutras seis ponencias nas que se analizarán distintos aspectos de Cunqueiro a cargo de Anxo Tarrío, Olga Novo, Xosé Ramón Pena, Luís Alonso Girgado, Miguel Vila e Abel Vigo. Tamén haberá dúas mesas redondas, unha sobre a narrativa do escritor e outra sobre a súa poesía.

Ao final do día Miguel Somovilla presentará o seu libro O labirinto do Imperio Secreto, acompañado de César Cunqueiro, e unha visita á casa museo Álvaro Cunqueiro guiada por Armando Requeixo será a que peche o programa previsto.

A xornada do sábado conta tamén con outros seis relatorios a cargo de Marta Neira, María Xesús Nogueira, Dolores Villanueva, Xosé Henrique Costas e Arantxa Fuentes. A encargada de impartir a conferencia de clausura será Rexina Vega, que falará sobre as traducións, autotraducións e recreacións cunqueirianas.

As mesas redondas xirarán entorno á vida xornalística de Cunqueiro, cunha análise da súa escrita nos xornais e revistas, e sobre a herdanza escénica do autor mindoniense.

A primeira hora da tarde estará reservada para un roteiro pola cidade con Armando Requeixo. No acto de clausura e na entrega de diplomas estarán presentes representantes da USC, do Concello mindoniense, da familia de Cunqueiro e do museo acondicionado na súa casa natal.

Comentarios