A Asociación Xuvenil Xoldra da cidade de Mondoñedo acaba de pechar o cartel para a segunda edición do festival gratuíto Breason que se celebrará os días 3 e 4 do mes de novembro na Praza da Catedral. Os últimos artistas en ser presentados nas diferentes redes sociais que posúe a organización sen ánimo de lucro foron Grande Osso e as artistas revelación deste 2023, Fillas de Cassandra. Así pois, a proposta tamén contará con Ruxe Ruxe, Catuxa Salom, The Skarnivals e Los Rastreadores. O presidente da asociación organizadora, Manuel Pardo Freire, indica que non serán as únicas novidades para os días do festival, xa que se espera que sexa unha iniciativa que "a poidan desfrutar todos os públicos" e teñen previstas actividades de lecer, catas de viño e un magosto.
A iniciativa que comezara o ano pasado como celebración do 25 aniversario da asociación xuvenil mindoniense quixo seguir este ano. "Pensamos que é un ocio que ten moito auxe e demanda e, pola zona miramos que andaba algo coxa a alternativa e fomos perfilando a idea ás présas ata chegar á primera edición", relata Pardo. A diferenza desta vez, indica, é o tempo de organización. "Cun ano vista, puidemos mover máis as redes sociais e sentarnos a falar con empresas privadas como Estrella Galicia ou Arnao", di, e engade que institucións como a Xunta, a Deputación de Lugo e o propio goberno local dan apoio, promocionan e colaboran co financiamento dun evento que conta con durar por moito tempo e dar vida e turismo ao concello de Mondoñedo.
Festival para todos. A organización ten como obxectivo primordial que todas as actividades sexan de balde e para todos os públicos. "Pensamos sempre en que todas as actividades poidan ter acollida tamén para os nenos", sinala. Para conseguir este propósito, o primeiro día do festival teñen preparado unha obra teatral para os nenos no auditorio municipal ás oito da tarde. "Unicamente o día 3 estará dedicado a esa obra teatral como previa aos concertos e actividades do sábado», especifica o organizador.
O día forte vén o sábado cunha xornada que comeza ás doce do mediodía cunha cata de viños con maridaxe proporcionados pola marca Arnao. Tamén nesta proposta haberá conservas para completar a experiencia de testeo de sabores. Para os máis pequenos a esas mismas horas estarán dispoñibles os xogos populares e dinámicas grupais.
Arredor da unha e media da tarde fará incursión a primeira actuación musical do concerto. A encargada de estrear o escenario, na Praza da Catedral, será Catuxa Salom e Grande Osso amenizará o final da sesión vermú.
Pola tarde e arredor das cinco, tamén na Praza do Concello, haberá a Merenda con Samaín para os nenos e, a partir das sete e media, a Asociación Pasatempo ten previsto compartir o anual magosto popular. "Isto tamén será gratuíto ata final de existencias", recalca Pardo.
A sesión intensiva de concertos comezará ás nove da noite. "Non temos aínda a orde na que irán os grupos, pero irán seguidos". Aínda así o presidente da organización adiantou que o final de festa e entre concertos Grande Osso amenizará o entre tempo.
"Son uns grandes amigos e para nós é un honor que estean aquí", expresa.