As festas de Ribadeo abren cun pregón adicado ás primeiras frases de libros

Carlos Álvarez Lebredo fixo toda unha homenaxe á literatura galega na súa exposición 

Carlos Álvarez recibíu unha placa como pregoeiro das festas. A. TEIJEIRO
photo_camera Carlos Álvarez recibíu unha placa como pregoeiro das festas. A. TEIJEIRO

Malia que os actos das festas na honra de Santa María do Campo non arranquen ata o vindeiro mércores día 5, oficialmente a vila de Ribadeo xa se atopa en festas despois da lectura do pregón que fixo este sábado o profesor, articulista e escritor Carlos Álvarez Lebredo. O mesmo converteuse nunha homenaxe en toda regra á literatura galega e, máis concretamente, ás primeiras frases, aos comezos dos libros.

Álvarez Lebredo fixo unha especie de chanza ao público xa que apuntou as moitas opcións que ofertan os libros para poder empezar a falar nun discurso coma o que el estaba a piques de ofrecer. Citou á literatura galega como gran fonte de inspiración aínda que tamén citou a outros escritores como García Márquez.

Concretamente, o pregoeiro pousouse en traballos escritos por Álvaro Cunqueiro ou Xosé Neira Vilas, "que valerían perfectamente para empezar calquer pregón" aínda que houbo un que leu e que resultou ser o que arrancou os maiores aplausos do público. Foi o da famosa novela ‘O porco de pé’, de Vicente Risco, no que lembrou que se di: "‘Na postguerra don Celedonio ascendeu de porco a marrán e despois ascendeu a alcalde’", o que desatou as gargalladas dos asistentes e el lembrou que aínda que estaba escrito no 1928 seguía a estar vixente hoxendía. A xente aplaudiulle con gañas.

Tamén lembrou a Fernando Pessoa, ao que comparou cun ribadense, Santiago Jaureguízar, nun guiño local.

Ao termo da súa exposición foi o turno da Coral Polifónica de Ribadeo, que ofreceu unha actuación no Teatro.

Agora xa só faltan que pasen tres días para que arranquen, de verdade, as festas de Ribadeo.
 

Comentarios