O recuncho de...

"As festas da parroquia facíanse na contorna do castelo de Castro de Ouro"

A profesora Rosa Febrero Rodríguez elixe esta insignia do patrimonio como o seu recuncho na Mariña
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Rosa Febrero, no castelo de Castro de Ouro. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O castelo de Castro de Ouro , en Alfoz, declarado Ben de Interese Cultural, garda moita historia. Dende a súa orixe nun asentamento castrexo ata a súa vinculación co mariscal Pardo de Cela, o tempo que foi sede episcopal ou que pasou sendo casa consistorial e sede do xulgado municipal. Na actualidae alberga a oficina de turismo e actúa como sala de exposicións. Ademais de toda esta historia común, garda a particular de Rosa Febrero Rodríguez, natural da parroquia do Castro, onde se ubica a fortaleza e na que sigue vivindo. "Dende a miña infancia o castelo sempre foi un referente para min porque era o lugar a onde íamos xogar de nenos e onde se facían as festas da parroquia o 6 de agosto", asegura. Por iso, o castelo é o seu recuncho na Mariña. 

Desa etapa da súa nenez é da que garda Rosa as historias máis bonitas: "O día despois da festa sempre íamos todos os nenos rastrexar a ver se quedara algo e sempre encontrábamos algunha cousa. Gustábannos as festas, pero case preferíamos o día seguinte porque era un xogo facer de policías para ver o que atopábamos". 

Dende eses anos o castelo cambiou moito e converteuse nun sinal de identidade xa non só de Alfoz senón tamén de toda A Mariña. "Foi evolucionando porque pasou de ser un sitio de parroquia a ser xa un lugar cun uso máis amplo a nivel de concello e tamén a facerse un nome importante, incluso a nivel internacional, no eido do turismo", explica Rosa, que recoñece que as vistas que ofrece o seu emprazamento sobre o val «son impresionantes".

Agora hai un proxecto para facer nel un centro de interpretación sobre o mariscal Pardo de Cela no marco do plan de turismo da Mancomunidade de Concellos da Mariña, algo que Rosa ve con bos ollos. "É un proxecto que está moi ben porque hai que mirar para adiante e potenciar o que temos", di Rosa, que asegura que "recibe visitantes durante todo o ano, aínda que é o verán a tempada forte". 

Comentarios