A Festa da Tortilla de Celeiro de Mariñaos repartiu máis de 300 racións

Presentáronse 29 tortillas ao concurso que se celebrou durante a mañá deste sábado no recinto da festa. Pola tarde celebrouse o Máster Tortilla, onde 6 parellas elaboraron os seus pratos en directo
Festa da Tortilla de Celeiro de Mariñaos. JOSÉ M. ÁLVEZ
photo_camera Festa da Tortilla de Celeiro de Mariñaos. JOSÉ M. ÁLVEZ

A Festa da Tortilla que se celebrou este sábado na parroquia barreirense de Celeiro de Mariñaos foi todo un éxito, segundo explican dende a organización, que está a cargo da Irmandade de San Caetano. Un dos seus membros, Daniel García, apuntaba que "vendimos máis de 300 racións de tortillas", sendo unha das cifras máis altas que rexistraron nos anos que se leva celebrando esta festa gastronómica. "Ademais acabamos toda a tortilla grande, que normalmente sempre sobra", contaba Daniel, e engadía que "os da comisión a verdade é que nin sequera puidemos probala".

Pola mañá tivo lugar un concurso de tortillas que os participantes podían levar preparadas dende as súas casas. Presentáronse un total de 29 elaboracións, unha das cifras máis altas que tiveron nos últimos cinco anos, segundo explican dende a comisión. O xurado encargado de levar a cabo o veredicto estaba composto por Xavier Parga, veciño da parroquia, acompañado de catro persoas máis.

García conta que a gran afluencia de visitantes que rexistraron este ano puido deberse á promoción que se lle deu: "Promocionouse moito por Facebook e ademais o ano pasado viñeron dende a Fundación TIC de Lugo así que saír na tele tamén nos deu bastante publicidade" e tamén comentaba que "dende a páxina web do concello tamén se publicou e puido ser unha das razóns polas que se achegaron máis turistas do normal nesta edición". Foron moitas as familias que se achegaron para comer a mediodía pero os turistas tamén protagonizaron moitos dos momentos da xornada.

Os xogos populares e máis unha concentración de motos de varios tipos completaron as actividades da romaría

Durante a tarde tamén tivo lugar o Máster Tortilla, unha competición na que os participantes debían elaborar en directo as súas tortillas. As regras eran simples: a organización dispoñía os mesmos ingredientes para todos e os concursantes tan só debían proporcionar a tixola e demais utensilios para levar a cabo a preparación. Neste caso había un premio para a elaboración máis rápida e outro para o prato con mellor sabor. Para elexir o gañador todos os participantes debían probar as demais tortillas e poñerlles nota do un ao cinco, sendo esta última a máis alta. Dende a organización explican que é un método para que non haxa problemas e así "non hai trampa nin cartón".

XOGOS POPULARES

Ao tratarse dunha festa de marcado carácter familiar tamén se programaron moitas actividades e xogos para os adultos e tamén para os máis pequenos a partir das oito e media da tarde. Daniel García tamén recalcaba que "durante as merendas tamén se xunta aquí moitos pequenos e por iso tamén organizamos bastantes actividades para eles".

CLÁSICOS

Outro dos atractivos que presentou a Festa da Tortilla foi a celebración paralela dunha concentración de vespas e motos clásicas que nesta edición reuniu a 30 vehículos.

Comentarios