
Unha conversa con Farruco Graña, presidente da asociación Francisco Lanza de Ribadeo, deixa ás claras que é un amante dos paseos, das paisaxes e das postas de sol. Por iso non resulta estraño que o seu recuncho preferido no municipio sexa unha conxunción destas tres cousas: o mirador do faro de Illa Pancha. "Aquí tes os dous mundos que definen A Mariña, a zona costeira e as cadeas montañosas", asegura.
E si, dende este mirador a liña de costa que se pode ver nun día despexado abrangue dende os Farallóns en San Cibrao, e Burela "onde nun día de sol se pode ver o resplandor do edificio de cristal da praia do Portelo", ata a veciña localidade asturiana de Tapia. Iso si, xa avisa Graña que hai que ser observador para fixarse ben nos detalles que definen a costa. E se se xira sobre un mesmo aparecen as serras dende a Bobia, en Asturias, ata o monte de Santa Cruz, o Mondigo e o Comado.
Pero para Graña, o que fai especial este lugar ribadense son, sen dúbida, as postas de sol. "No equinocio nos Farallóns vese o sol meterse no interior do mar", asegura, pero advierte que desfrutar dunha boa posta de sol require de moita atención "porque é cuestión de minutos".
"Tiven a sorte de detectar o efecto óptico dese destello algo verde, aínda que moi tenue, que se forma", asegura. Por iso, o seu consello é non perderse unha posta de sol dende a Illa Pancha pola cor do horizonte, que "ten un toque máis guapo" que o que se produce nos amenceres, aínda que no solsticio de verán tamén é espectacular ver saír o sol do mesmo mar.
E como bo paseante, as súas recomendacións en Ribadeo son para pasear. Sen ir moi lonxe do mirador, pódese facer o paseo do faro e seguindo nesa zona as parroquias de Piñeira e Vilaselán ofrecen unha planicie con pistas polas que perderse entre a paisaxe. Para cambiar de aires está o paseo das Aceas, que discurre paralelo á ría facendo desfrutar no seu percorrido dunha das paisaxes máis bonitas da comarca.