Falece por picaduras de vespa un home na parroquia viveiresa de Boimente

A vítima era alérxica, polo que aínda que outro home que se atopaba no lugar púxolle unha inxección de adrenalina non logrou que se salvase

Indicativo de A Rozada, en Boimente. ANTÍA
photo_camera Indicativo de A Rozada, en Boimente. ANTÍA

Un veciño da parroquia de Magazos perdeu a vida onte cara as sete da tarde tras sufrir picaduras de vespas do país. O ataque tivo lugar no lugar de A Rozada, pertencente á parroquia de San Andrés de Boimente (Viveiro), a onde acudira de visita. Ao comezo barallouse que fose un ataque de velutinas, pero logo todo parecía indicar que foran das normais.

Trátase de Félix González, de 43 anos de idade, quen atopou alí a outro home que estaba desbrozando nunha finca da familia do finado próxima á vivenda. Ao parecer, a vítima, que era alérxica, ofreceuse a axudarlle e o outro díxolle que non facía falla, pero nese intre e ao pouco de chegar ao lugar F.G., o home que rozaba debeu tocar nun niño, do cal empezaron a saír un montón de vespas que picaron aos dous homes.

O que desbrozaba arrincou buscar unha inxección de adrenalina dentro da casa e cando saíu atopouno tirado no chan diante da solana da mesma. Viu que estaba mal, pero aínda así púxolla, pero esta non lle fixo efecto. A familia alertou logo aos servizos de emerxencias, que desprazaron ao lugar unha ambulancia do 061, pero cando os sanitarios trataron de atende-lo xa viron que a súa tentativa ía resultar infructuosa, posto que xa se producira o óbito.

O finado residía no lugar da Fonte, en Magazos, e sabía que era alérxico, polo que tiña na casa da familia o antídoto para o veleno das vespas, pero nunha situación de alerxia resulta impredecible coñecer cal será a reacción do afectado.

Os servizos de emerxencias desplazados ao lugar onde aconteceu o ataque mortal das vespas tiveron que agardar á chegada do forense para o levantamento do cadáver. O Corpo Nacional de Policía, Protección Civil e a funeraria Alianza e Barros atenderon esta incidencia, xunto cos bombeiros que xa estiveran na zona ao dar problemas as vespas antes e que se achegaron para retiralo niño e axudar no que fose necesario.