"Os faisáns son bonitos e a cousa máis fera que hai"

Con tanto bicho como ten, incluídas cabras, Jaime Dovale non necesita cortacéspede pois deixánlle o campo de Galdo sen unha herba
Jaime Dovale. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Jaime Dovale. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O viveirés é un apaixonado das aves. Ten canarios, cuxo canto escoita dende pola mañá. Á hora do almorzo acompáñano a border collie e un mastín. Nos galiñeiros e voadeiras da finca ten faisáns, capóns, galiñas da Guinea e poñedoras, pavos reais e perdices. Ademais, mercou ovellas e cabras ananas para limpar o terreo.

A Jaime Dovale sempre lle gustaron os animais e agora vive rodeado deles. Ao ter tantos di que "practicamente non podes irte da casa, pero compénsame o que desfruto deles". Asegura que mentras poida os manterá, "aínda que o gaste en penso". Lembra que empezou a ter aves en 1976, cando foi facer o servizo militar a Ferrol, de onde trouxo pavos reais e varias razas de pombas, das que agora só ten dúas ou tres, porque "son moi sucias e non me acaban de convencer, só para velas".

Jaime ten pechados os galiñeiros e voandeiros para que non entre a lontra nin outros predadores. Despois trouxo faisáns. "Teño dos correntes, porque con calquera virus morre a metade. É por ver o bonitos que están cando teñen pluma; teño seis parellas do común, prateado e amarelo. Se morre un macho, meto con outro dúas femias, pero se morre o pavo real non quere outra parella; teño unha verde e outra branca. Os faisáns son a cousa máis fera que hai, por iso a rede do peche é pequena". Tamén posúe unha parella de capóns para criar e comer. "Ten a vantaxe de que sabes que comen do que hai na horta, tardan algo máis en saír, pero a carne ten outro sabor".

As galiñas de Guinea son outras das súas inquilinas. "Son moi guapas, pero teñen o problema de que nada máis que ven algo raro berran que se oe a tres quilómetros", conta. Tamén ten outras tipo 'kikas'. que parece que non teñen patas, e un dos ‘kikos’ máis pequenos que hai, ademais das coruñesas, as pintas de poñer. Tamén se fixo cunhas perdices, a vermella común e unha branca. E cordonices brancas. Ademais, nun xaulón ten canarios mixtos e timbrados. "Son outro capricho, noutra xaula pequena teño uns poucos para oílos cantar todos os días, iso é unha pasada", di.

Uns coellos xigantes que con tres meses pesan quilo e medio son outro dos atractivos. "Botan todo o día comendo, se os deixas moito chegan aos tres quilos". Tamén lle gustan as cabras ananas que trouxo de Santander e ten dúas tartarugas de terra e unha de auga. Parte dos animais están ceibes na finca, polo que "non me fai falla cortacéspede, teñen o campo sen unha herba".

O mantemento de tanto bicherío supón doce sacos de millo ao mes e catro de trigo, ademais do traballo de limpeza. "Desfruteino, pero botei toda a vida pagando letras e empeñado", asegura.

Más en A Mariña
Comentarios