F.X. Fanego: "Queremos que as asociacións teñan peso nas decisións políticas"

Lonxe de grandes proxectos para Foz, o candidato do BNG á alcaldía, Francisco Xavier Fanego Bermúdez, aposta pola xestión dos temas do día a día e unha das súas propostas pasa por mellorar o saneamento

Francisco Xavier Fanego. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Francisco Xavier Fanego. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A idea de contar cunha lista nacionalista en Foz prevaleceu á hora de que Francisco Xavier Fanego Bermúdez (Foz, 1974) aceptase encabezar a candidatura da formación ás vindeiras eleccións. Traballador de mantemento na factoría de Alcoa en San Cibrao, hai dous anos que xa é o responsable local do partido e agora encabezará unha lista con 22 persoas que se presentará mañá. Os primeiros nomes xa se fixeron públicos e son Gema Méndez, no segundo posto, Iago Villamil no terceiro, Sara Veiga no cuarto, Benito García no quinto e Zoraida Coira no sexto. 

Xa concorrera na lista do BNG nas pasadas eleccións, pero no número 11, por que decidiu dar o paso agora de ser a cara visible? 

É unha responsabilidade, require tempo e en moitos casos incluso que moita xente que non comparte as ideas do BNG te mire mal. Por iso non tiña moi claro presentarme, pero quería que houbera unha candidatura do BNG en Foz e decidín dar o paso. É verdade que foi complicado tomar a decisión, pero agora non me arrepinto porque penso que vai ser positivo que o BNG estea na política local. 

Como leva a confección da candidatura? 

Xa está lista e está composta por 17 persoas máis cinco suplentes. Conseguir xente para os catro primeiros postos é o máis complicado, pero o resto son máis sinxelos. Hai xente nova e tamén algunha cara coñecida. 

Como afronta esta nova etapa política? 

Agora vai ser diferente, vou ter máis responsabilidade e tamén teño que contar cunha maior dispoñibilidade. Sei que teño que aprender moito porque ata hai pouco non se me pasara pola cabeza ser o candidato á alcaldía, pero tamén estou ilusionado porque confío moito no equipo de xente que me acompaña e apoiarémonos uns aos outros. É un grupo de xente que ten unha vida social activa en moitos ámbitos e iso sempre che aporta visións de diferentes ámbitos. O pluralismo é unha das cousas coas que contamos nesta candidatura.

Queremos que haxa un cambio, polo que se chegado o momento é preciso alcanzar algún pacto, farémolo

Que balance fai da actuación do BNG nos últimos catro anos? 

Lorena Seivane e Teresa Rego traballaron moito. Ao ser o partido con menos concelleiros moitas veces eramos a chave das decisións e cargamos con culpas que non eran nosas. Recoñezo que para o goberno en minoría tampouco foi sinxelo, pero nós tivemos moitas veces a pataca quente. O primeiro ano decidimos apoiar ao goberno para aprobar os presupostos, porque incluíron propostas nosas, pero despois o alcalde non cumpliu co que nos prometera, polo que perdemos a confianza que depositaramos nel. 

Que proxectos teñen para o municipio? 

O saneamento e a depuración vai ser un tema clave, porque en Foz levamos moito tempo sufrindo as consecuencias dunha mala depuración. Nós tamén propuxeramos unha partida para este tema nas parroquias de Santa Cilla e San Acisclo que non se executou, polo que seguimos pensando que é preciso. Tamén apostamos pola limpeza e o mantemento do pobo, que está moi deixado. Arranxáronse as rúas do centro, pero despois hai zonas polas que non se mira. E temos as nosas reivindicacións de sempre, coma as sanitarias que van dende as urxencias no centro de saúde ata que se cubran as baixas médicas a tempo e máis servizos como pediatra polas tardes ou matrona. Estas son a grandes rasgos as liñas polas que vamos apostar, pero temos que traballar a fondo para facer un programa participativo que recolla ideas de todos. 

Falan de darlle voz á veciñanza. 

Si, queremos darlle voz ás asociacións, que teñan o peso que teñen que ter. 

Non cita ningún proxecto estrela. 

Non, porque economicamente non podería saír adiante. O que si plantexamos se chegamos a gobernar é facer o terceiro acceso ao pobo porque pensamos que é preciso. Tamén temos moitas mocións que foron aprobadas por unanimidade e que foron aparcadas e hai que priorizar moitas delas. 

Están abertos a algún tipo de pacto chegado o momento? 

Queremos que haxa un cambio. Eso está claro porque se eu pensara que non hai nada que cambiar non me presentaría. Non temos ningunha directriz de arriba de non poder facer pactos, polo que se chegado o momento temos que pactar, fariámolo. 

Teñen enfocado como será a campaña electoral? 

Seguirá as liñas de hai catro anos. Serán actos sinxelos e precisos para ser o máis directos posible. Convocaremos ás asociacións para recoller as súas inquedanzas e falaremos con todo o mundo para escoitalos e facerlles chegar as nosas propostas.

Comentarios