Experiencia para compartir

O cociñeiro Víctor Valenzuela dá este mércores unha charla aos alumnos do IES de Foz, no que estudou, e fará un taller de tortilla. Tamén competirá nun campionato nacional
photo_camera Víctor Valenzuela, cunha tortilla. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Víctor Valenzuela, xerente dos restaurantes O Muro e La Tortilla Maravilla en Viveiro, regresa este mércores ás aulas do IES de Foz, no que sentou as bases da súa traxectoria profesional, para dar unha charla aos alumnos de hostalería e impartir un taller sobre a elaboración da tortilla.

Valenzuela fíxose un verdadeiro experto deste prato e participará en outubro no Campeonato de España de Tortillas que se celebra en Alacante e onde se elixirá a mellor do país. A súa proposta para ese certame vaina dar a coñecer proximamente. "A miña tortilla aceptáronma no concurso de España porque é moi innovadora", adianta.

Visto o ben que saían as tortillas no seu restaurante lanzouse a abrir hai uns meses outro especializado. "Está encaixando moi ben, temos moitos pedidos para recoller alí e o local gusta, é distinto ao que se adoita ver", sinala. Ás variedades de tortilla con e sen cebola, con chourizo e con trufa branca xa se engadiron outras como con cebola caramelizada ou rechea de xamón e queixo. En todas elas hai un segredo básico, que é o repouso nun bol da pataca fritida co ovo, para que este "faga o seu labor de empapar a pataca". Tamén é importante engadir o sal ao final pois "oxida bastante o ovo".

Na charla cos estudantes de hostalería de Foz Víctor Valenzuela tamén lles falará da súa experiencia profesional e empresarial e motivaraos para conseguir os seus propósitos. "Cando un empeza seguramente non teña moi claras as cousas pero despois cada un vaise buscando a súa vida e co tempo, traballo e ilusión saen adiante", afirma.

Valenzuela salienta a evolución da oferta formativa e instalacións do IES de Foz, no que estudou dende o 1997 ao 2002 e a súa promoción foi "a primeira dun ciclo superior de restauración". Lembra que tiña moi clara a súa vocación e na formación profesional atopou o seu camiño. "Eramos 44 na clase naquel ano, había unha revolución gastronómica, era cando xurdía o tema da alta cociña", lembra, e en cambio hoxe ve menos interese na cociña e máis nos servizos.

O cociñeiro e empresario asentado en Viveiro agarda intercambiar opinións cos alumnos, "escoitalos a eles porque me interesa como poden ver a hostalería como profesión" e lembra que houbo cambios a mellor, "os horarios e os soldos adaptáronse a algo moi cercano a poder conciliar unha vida familiar co traballo". Tamén ve importante "dignificar as profesións dos distintos sectores" e alédase de que co tempo se puxeran en valor pois antes "estaban defenestradas á peor xente da aula".

Comentarios