Estancadas as negociacións entre Alcoa e a Sepi a tres semanas de que termine o prazo

Ambas as partes están "enredadas" pola situación financeira do grupo GFG Alliance, ao que pertence Liberty, segundo a CIG 
Vista de la factoría de Alcoa. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Vista de la factoría de Alcoa. JOSÉ Mª ÁLVEZ

As negociacións entre a multinacional estadounidense Alcoa e a sociedade estatal de participacións industriais (Sepi) para a venda da planta de aluminio de Cervo están estancadas a pouco máis de tres semanas de que termine o prazo establecido –o 30 de abril–, segundo constataron este martes as partes convocadas polo Ministerio de Industria a unha reunión de seguimento sobre o proceso. 

Por unha banda, o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Francisco Conde, sinala que o encontro concluíu "sen avances", polo que pide á empresa e ao Goberno central que "dean a máxima axilidade posible ás negociacións en curso para pechar canto antes un acordo de venda da planta de San Cibrao". 

Na cita, telemática e á que non estaba convocada Alcoa, participaron os sindicatos e o comité de empresa, que declinou pronunciarse ata este mércores, despois de analizar o contido da reunión. 

"Trasladamos ao Goberno a necesidade de dotar de axilidade este proceso de negociacións e de que haxa un compromiso de transparencia por parte de Alcoa e da Sepi para concretar un acordo de venda e trasladar certidumbre aos traballadores antes do 30 de abril", destaca a consellería que dirixe Conde. 

A través dun comunicado de prensa, subliña que tanto Alcoa como a Sepi "teñen que pechar canto antes un acordo de compra-venda que certifique a viabilidade da planta de San Cibrao". 

Neste contexto, Conde apelou "ao diálogo e o entendemento", e "a traballar de forma conxunta para que a operación de venda da planta da Mariña conclúa coa mellor das noticias".

Pola súa banda, a CIG tamén demanda ao Executivo central "acelerar as negociacións" para que a fábrica de San Cibrao estea "en mans" da Sepi "antes de terminar o mes". 

A central reclama aos gobernos "consumar feitos e realidades" para garantir a continuidade produtiva e dos empregos en San Cibrao. 

Concreta a CIG que as partes están agora "enredadas" na situación financeira do grupo GFG Alliance, ao que pertence Liberty, a compañía interesada en facerse coa factoría. 

Pola súa banda, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, considera "indispensable" que a fábrica de aluminio "quede baixo control da Sepi antes de terminar o prazo de negociacións", aínda que o comprador final "non sexa Liberty". "Só así se poderá abordar a procura dunha nova propiedade coa tranquilidade e seguridade de manter a produción e os empregos", advirte. 

Nesta liña, Carril instou á Sepi a buscar "compradores alternativos", debido ás "dúbidas financeiras que xera nestes momentos GFG Alliance".

UN PROCESO FRUSTRADO. Durante 2020, o Goberno xa negociou con Alcoa para tratar de que frutificase unha operación de compra-venda relativa ás instalacións de Cervo que resultou frustrada. 

Por entón, a multinacional tiña a intención de levar adiante un despedimento colectivo para máis de 500 traballadores que o comité e os sindicatos levaron á xustiza, que terminou por impedilo. 

XUNTA. Pola súa banda, o vicepresidente económico da Xunta de Galicia e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, pediu este martes a Alcoa e ao Goberno de España que lle "den a máxima axilidade posible ás negociacións en curso para pechar canto antes un acordo de venda" da fábrica de aluminio primario de San Cibrao. 
 

Comentarios