María Pérez, psicóloga: "Estamos expostos a un estrés constante e non damos baixado a garda"

Especialista en tratar a depresión e a ansiedade, esta profesional subliña que cada vez é máis a xente que acode a consulta para tratar algunha patoloxía derivada da situación sanitaria. Ela aconsella non poñerse datas e intentar levar unha vida o máis normal posible
María Pérez. EP
photo_camera María Pérez. EP

A pandemia está afectando de xeito diferente a cada persoa, pero un feito probado é o aumento dos problemas de saúde mental que está traendo consigo e tamén que cada vez máis a xente busca axuda nun profesional.

Como está afectando a pandemia á saúde mental?
Usamos o termo de fatiga pandémica para describir o cansazo mental derivado do estrés provocado por toda esta situación. Dende que empezou todo isto a Organización Mundial da Saúde (OMS) xa advertira de que esta situación sanitaria ía traer moitos ‘desastres psicolóxicos’ e o certo é que en Atención Primaria agora mesmo están desbordados e no sector privado tamén hai moita demanda. Eu mesma teño a axenda pechada.

Cales son os sentimentos ou emocións máis frecuentes?
A apatía, a tristeza ou a depresión cada vez están aparecendo máis e tamén a sensación de incerteza ao non ver un remate.

Hai algún grupo de idade máis afectado?
Afecta a todo o mundo, pero para min os adolescentes son os máis afectados porque entre os 10 e os 20 anos é cando empezas a formar a túa identidade e a personalidade e as restriccións que sofren agora impídenlles saír e relacionarse e esta situación conleva un illamento importante que ademais lles fai estar cada vez máis a gusto na casa. Os nenos tamén están aprendendo a relacionarse co mundo e esta situación tampouco é boa porque o contacto con outros nenos téñeno limitado. No caso dos adultos pódense acentuar patoloxías previas e nas persoas maiores dáse unha soidade exacerbada porque se illan.

"É importante seguir tendo ocio, aínda que non poida ser coma antes, pero facer algo"

Como se pode abordar esta situación para non sucumbir a ela?
Dende que empezou a pandemia estamos expostos a un estrés constante no que dalgunha maneira non damos baixado a garda porque non podemos. É importante non poñerse datas porque non sabemos canto tempo se vai seguir prolongando isto e outra das cousas fundamentais é evitar a sobreinformación porque hai un consumo moi aumentado. Tamén é importante seguir tendo un ocio, que non pode ser coma antes, pero mantendo as medidas de seguridade poden facerse cousas.

Teñen as persoas ferramentas de autocoidado emocional?
Non, non as teñen. Para min é importante incidir no sentido educativo para que os nenos conten con ferramentas que lles permitan identificar sentimentos como a ansiedade, a depresión ou saber porque unha persoa se autolesiona.

Identifica unha persoa que ten ansiedade ou está deprimida?
Hai de todo, pero é certo que ás veces costa ver que podemos ter ansiedade ou depresión porque nos costa identificar os síntomas en nós mesmos. Se tes perdas de atención, moitos despistes, dores de cabeza, preocupación ou estás irascible podes ter un destes trastornos.

Poden os problemas mentais derivar nunha enfermidade física?
A ansiedade e o estrés son detonantes clave para moitas doenzas como as enfermidades intestinais ou autoinmunes. É certo que non son causa principal, pero si están presentes e afectan moi negativamente porque a actitude conta moito. Non hai saúde física sen saúde mental, nin saúde mental sen saúde física.

Cambiou a percepción que a xente ten do psicólogo?
Si, cando eu empecei a xente estrañábase de que alguén fóra ao psicólogo e non se dicía e agora si. A xente di que vai a terapia e incluso se sente orgullosa de traballar en si mesma.

Más en A Mariña
Comentarios