"O Eo ten sitios preciosos, pero algúns inaccesibles"

O recuncho de Carlos Morado, técnico de turismo da Pontenova, é Pozo de Ron, en Xinzo (A Pontenova)
Carlos Morado, no Pozo de Ron. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Carlos Morado, no Pozo de Ron. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O río Eo é un dos atractivos naturais da Pontenova e para o responsable da oficina de turismo da vila, Carlos Morado, "ten moitos puntos bonitos" ao seu paso polo concello. Tantos, que resulta imposible quedarse cun só, por iso ofrece ata tres moi interesantes para os amantes da natureza e tamén, como non, da pesca. Un é o Pozo de Ron, na parroquia de Xinzo, un couto salmoneiro que conta cunha escala de salmóns. Aquí foi onde se pescou o campano deste ano. "Toda a zona é moi bonita e no paseo que hai dende onde se deixa o coche, a uns 800 metros do pozo, ata el hai varias praias fluviais", asegura Morado. Para chegar hai que deixar a N-640 en Santalla e coller a LU-P-4802 ata Xinzo e á altura da capela xirar á esquerda ata chegar ao río.

Outro dos puntos bonitos para desfrutar do Eo é a zona do Mourín, en Santalla, "onde fai un salto de auga interesante" e está moi pretiño da nacional pola mesma LU-P4802. Pero, sen dúbida, o punto preferido de Morado é O Corbeiro, en Vilarmide, tamén no recorrido da mesma estrada provincial que serpentea paralela ao Eo. "Nesta zona o río baixa encañonado", di, pero recoñece que é de dificil acceso e só se pode chegar en kayak ou con vadeador: "Hai moitos tramos inaccesibles".

En época de pesca, como agora mesmo, achegarse ao río é moito máis sinxelo porque se pode acceder polos sendeiros dos pescadores e ao ser primavera tamén se pode desfrutar da natureza en plenitude. Sen embargo a situación actual non ten nada que ver coa que Morado lembra da súa infancia: "De pequeno recordo botar o día polo río arriba porque se podía chegar sen problema dende o núcleo urbano da Pontenova ata o Fondón, que está entre A Ermida e Vilarmide. Ías andando e bañábaste". Agora iso é imposible porque as beiras do río están cheas de maleza. "Cando as praderías chegaban ao río, os propietarios facían presas e tíñano limpo; agora está impracticable e non deixan limpalo", lamenta Morado.

Comentarios