Falta menos dun mes para o Entroido e xa se empezan a coñecer programacións como a do Concello de Xove, que repartirá preto de 5.000 euros en premios no desfile do sábado 18 de febreiro e incorpora como novidade na véspera un baile infantil de disfraces no pavillón municipal, que será ás seis da tarde e estará animado pola discomóbil Conxuro.
O alcalde, Demetrio Salgueiro, e a concelleira de Cultura, Dolores Meitín, presentaron o programa que terá como día grande o 18, coa saída do desfile ás cinco dende o campo de fútbol e remate no centro cívico logo de percorrer as rúas coa Mekánika Rolling Band. No pavillón haberá "festa rachada" para os disfrazados con Conxuro e entregaranse os premios infantís; e posteriormente actuará o grupo Fénix e daranse os galardóns dos adultos nun intermedio do baile, que continuará "ata altas horas" de novo coa discomóbil.
Os premios entregaranse en metálico e suman en total 4.910 euros. En carrozas son de 500, 350, 250, 250, 200 e 200 euros; en comparsas e grupos de máis de dez persoas, de 300, 250, 200, 200, 150 e 150 euros; en grupos de adultos de 3 a 9 persoas, de 130, 100, 70, 70, 60 e 60 euros; en parellas adultos, de 70, 60, 50 e 50 euros, e en invididuais adultos, de 60, 50, 40 e 40 euros. Nas categorías infantís –de menores de 14 anos– os premios nos grupos son de 130, 100, 70, 70, 60 e 60 euros; nas parellas de 70, 60, 50 e 50 euros, e en individuais de 60, 50, 40 e 40 euros. Ademais haberá premios de 30 euros ao disfrace máis orixinal, ao conxunto máis numeroso e ao participante de maior idade, mentres que o máis pequeno recibirá un agasallo.
As inscricións están abertas na oficina do técnico de cultura ata o venres 17 de febreiro ou no teléfono 982.59.20.01 e quen se anoten desta maneira recibirán un agasallo. Tamén será posible inscribirse o mesmo día do desfile no punto de saída, pero sen dereito a este detalle por parte do Concello de Xove.
A Pontenova
Ese mesmo sábado será o Entroido na Pontenova organizado pola ACD As Minas con colaboración do Concello, a partir das once da noite no local das sociedades coa animación de Puzzle. Haberá baile de disfraces e desfile, tralo que se entregarán premios de 350, 150 e 100 euros en grupos, de 100 e 60 euros na categoría de parellas e de 60 e 30 euros na de individuais.
Ademais, haberá ruta de tapas polos establecementos hostaleiros da vila: bar Puente, Rony Bar, O Lar de Balbina, restaurante San Briz e Casa da Cultura.
Alfoz
A asociación cultural e xuvenil O Castelo organiza a festa de Entroido o luns 20 de febreiro no pavillón municipal de Alfoz, en colaboración co Concello, a Deputación e a Xunta. As inscricións no desfile estarán abertas entre as sete e media da tarde e as nove, hora na que empezará. Ao rematar haberá unha festa amenizada polo grupo Origen.