"Quedei satisfeito da tempada, pero faltoume un pouco de sorte nas grandes citas"

Adrián Ben pensa que chegou ben ao Europeo e ao Mundial, pero situacións puntuais afastárono das finais. Agora márcase como novos obxectivos para o 2023 o Continental de pista cuberta, en Estambul, e o Mundial ao aire libre, en Budapest
Adrián Ben. ARCHIVO
photo_camera Adrián Ben. ARCHIVO

Disputar un mundial e acadar as semifinais dun Europeo son unhas credenciais fantásticas para calquera atleta, pero cando se fala dun corredor que foi xa finalista dun campionato do mundo e olímpico pode parecer pouco. Xa en frío, o viveirense Adrián Ben fai un análise do que supuxo a pasada tempada a nivel de traballo, sensacións e resultados e conta os seus obxectivos da que xa está preparando, co Mundial de Budapest como competición máis destacada para o ano 2023, no que tamén hai un Europeo en pista cuberta en Estambul no vindeiro mes de marzo.

Xa leva un par de semanas de pretemporada, como vai a cousa?

Pois co cansanzo típico despois dos adestramentos, pero metendo carga para todo o que ven.

Ten xa programada a súa primeira carreira?

Pois non, pero supoño que será no cross de Atapuerca ou nalgunha milla popular.

Falemos un pouco da pasada tempada. Agora xa en frío,que sensacións lle quedan despois de non poder entrar nas finais mundial e europea por ben pouquiño?

Pois teño que dicir que cheguei nun momento bo bo aos dous campionatos, con moito traballo detrás, pero penso que me faltou ese pelín de sorte que puiden ter no Mundial de Doha ou nos Xogos Olímpicos de Tokio. Analizando todo o que pasou teño que estar satisfeito porque penso que fixemos —refiríndose ao seu equipo de traballo— un moi bo traballo; para un atleta o importante é a continuidade  e despois hai situacións puntuais de carreira que unhas veces saen mellor que outras, ademais de ter en conta, por suposto, que os rivais tamén corren.

Arrepíntese de algo que fixera nas carreras que quedou eliminado, a primeira de Eugene ou a semifinal de Munich?

Pode ser que non atinara na estratexia no Mundial, tal vez se correra de xeito máis conservador tería outro resultado. Pero é sinxelo falar agora, o complicado é manexarse dentro da carreira, ter pernas e saber canalizar todo o traballo realizado para sacalo no momento xusto.

A Munich chegaba despois dun espectacular cuarto posto na proba de Silesia correndo contra algúns dos mellores do mundo na Diamond League.

Si, foi curioso porque esa carreira chegou despois de pasar o covid e non me atopaba especialmente ben, pero saiume bordada. Pensei que si corría así un pouco mermado ía ter moitas posibilidades de facer algo importante en Munich. E a verdade é que cheguei ben, atopeime forte pero non saíron as cousas como eu quería nas semifinais. Quedei moi doído porque penso que estaba nun bo momento para facer algo grande, pero nas carreiras de 800 non hai marxe de erro porque a igualdade é tremenda e unhas centésimas poden significar moitísimo.

Din que se aprende máis dos erros que dos éxitos.

Lóxicamente que intentarei aprender das cousas que penso que non fixen ben, pero non so nesas carreiras, senón en cada proba que corro.

Adrián Ben, durante un entrenamiento. EP
Adrián Ben, durante un entrenamiento. EP

Aproveitou o verán para descansar e recargar pilas ou un atleta nunca deixa de traballar?

Necesitaba descansar e disfrutar. Estiven de festa varios días no Naseiro, fun a Ribeira Maia coa miña noiva e pasei 10 días na casa en Viveiro coa miña familia, pódese dicir que foron unhas vacacións ben aproveitadas (risas).

O ano pasado dixo vostede que estaba traballando para mellorar o seu rendemento na primeira volta sen perder moito na segunda,  non sei se cumpriu o seu obxectivo ou ten agora algomáis en mente para seguir progresando?

Penso que traballamos moi ben e de feito tiven mellor ritmo que en anos anteriores, agora imos mirar de manter iso pero tratando de rematar mellor.

Estamos xa en tempada preolímpica cando aínda non se apagaron case os fogos de Tokio. Non sei se traballará xa pensando en Paris ou estará centrado na tempada actual?

Temos Europeo de pista cuberta e, sobre todo, Mundial ao aire libre, en Budapest, penso que son obxectivos certamente importante para pensar neles. Ademais, a mínima parao Mundial vai ser moi cara e o nivel do campionato de España xa sabemos o que é, así que teremos que seguir traballando moi forte para volver a estar entre os tres primeiros do Nacional.

Estamos a falar so de competicións e campionatos, non pensa vostede nas marcas?

Eu traballo en función das competicións, pensando en chegar o mellor posible. As marcas ou os récords serían a consecuencia dese traballo. Pero estamos falando de que a miña mellor marca é de 1.44.18 e por debaixo diso pouca xente correu na historia de España. Correr cada carreira en 1.44 garantízache un 90 por cento de victorias e iso é case imposible.

Continuará volcado nos 800 ou pensa facer cambios a curto ou medio prazo?

A proba que vou preparar vai seguir sendo a de 800, pero teño pensado facer algún 1.500 máis que o ano pasado, que foi tan intenso e concentrado que resutaba difícil facer outras distancias.

Comentarios