"Ensinábannos que a aldea non valía para nada"

O teleclube de Cabanas no Vicedo inaugura este venres a súa actividade cultural con dúas proxeccións a iniciativa do actor Pepe Penabade
Pepe Penabade, nunha actuación teatral. XAN G. MURAS
photo_camera Pepe Penabade, nunha actuación teatral. XAN G. MURAS

O actor vicedense Pepe Penabade (Xestoso de Cabanas, 1965) está detrás da inauguración da actividade cultural no teleclube da súa parroquia natal, onde a súa asociación cultural Volta e Dálle en colaboración coa asociación de veciños impulsaron este venres dúas proxeccións con entrada de balde e para toda a familia.

Penabade comenta que dende principios de ano a asociación de veciños comezou a abrir o teleclube os sábados pola tarde "para que quen queira poida ir xogar á baralla, tomar un café e parolar un pouco", algo de agradecer polos residentes na zona xa que lembra que "xa hai uns anos que en Cabanas non hai ningunha taberna aberta, nin ningún espazo onde xuntarse". Engade que a iniciativa de Volta e Dálle consiste en darlle a ese local un contido tamén cultural: "Ocorréusenos que como orixinalmente o espazo era un teleclube, poderiamos comezar proxectando algo para público familiar, pero de cinema", di.

En concreto, os que asistan poderán ver "un documental senlleiro", O carro e o home de Xaquín Lorenzo e Antonio Román, sobre o carro do país e rodado en 1942, que pensa que "lle gustará moito á xente maior"; e a continuación A escola das Areas, unha curtametraxe de animación de Virginia Curiá e Tomás Conde sobre a viaxe do Padre Sarmiento a Pontevedra na busca da vacina para a variola e que na opinión do actor "pon moi en valor a nosa lingua e a nova creación do cine de animación galego".

O profesor e escritor Bernardo Penabade será o encargado de presentar estas proxeccións e guiar un coloquio sobre elas.

A elección das pezas non foi casual, pois as dúas teñen que ver con "progreso si, globalización non". Explica que na actualidade "estase vendo que a globalización é un auténtico fracaso a todos os niveis" e agarda que agora poida ir cambiando a maneira de pensar de moita xente. "Aos que marchamos da aldea hai anos ensinábannos que a aldea non valía para nada, que non había futuro, que todo o que fora galego era malo, tamén a lingua propia", di, ao que engade que agora "parece como se a xente tivera que descubrir por causa do covid que todos vivimos grazas á terra, como medio de recursos naturais. A ver se desta volta medra a estima polo rural", subliña.

A intención de Pepe Penabade é darlle continuidade a esta primeira iniciativa cultural no teleclube de Cabanas, se ten boa acollida, e para unha vindeira ocasión gustaríalle proxectar o documental Barrigaverde "porque parte da familia Silvent era da Mariña".

O Museo do Pobo Galego colabora na realización destas proxeccións, que parten de dúas asociacións con distinta traxectoria. A asociación de veciños de Cabanas "vén de vello", di Penabade, que lembra que "polo ano 78 chegou de crego a Cabanas Ramón Marful e fixo un traballo de dinamización magnífico os anos que botou alí. Coa axuda dos veciños fixeron o edificio do teleclube, o campo de fútbol, a cooperativa e tamén a asociación", apunta, mentres que o seu colectivo cultural Volta e Dálle "é moito máis recente, de 20192 e está formado por "xente vinculada ao teatro e á Mariña, coma Comba Campoi con relación con Reinante ou Lucho Penabade de Muras".

Volta e Dálle tamén é o nome da compañía de teatro de Penabade, que por motivos de saúde tivo que baixar unha tempada dos escenarios pero conta volver con forzas. "A compañía segue funcionando, actualmente ten un espectáculo en cartel, Falar por falar, e sustitúeme Víctor Mosqueira", conta o actor, que nestes intres fai escenografía, atrezzo e produción e que tamén daba clases de clown.

Comentarios