O encanto do descoñecido

A rodaxe da película Arima en Mondoñedo foi a oportunidade de Nagore Arias para subirse ao mundo do cine. O nerviosismo e certa vergonza non lle ganaron á ilusión e ás ganas de desfrutar dunha experiencia que a enganchou quen sabe si para sempre  
aaaaa
photo_camera Nagore Arias, durante a rodaxe. AMA

Nunca antes se puxera diante dunha cámara, pero Nagore Arias conquistouna. "É unha nena moi lista e moi rápida e ademais está nesa idade na que confunde a realidade co xogo", dicía dela a directora da película Arima, Jaione Camborda, cando estaba iniciando a rodaxe da cinta na cidade de Mondoñedo na primavera de 2018. Daquela Nagore, que interpreta a Olivia, tiña 8 anos e a cidade mindoniense convertiase nun plató de cine. Agora, dous anos despois e xa superadas varias presentacións da cinta, Nagore recorda que "estaba moi contenta porque me gustaba moito gravar, pasar o rato con eles nos descansos das rodaxes e tamén pensar que ata moi tarde non me ía deitar e que ao día seguinte volvía velos".

Porque para ela, a gravación de Arima foi unha aventura na que desfrutar dos ensaios e das rodaxes e que lle permitiu coñecer un mundo descoñecido ata daquela: "Nunca imaxinara como sería traballar con actores e actrices que tiña visto na televisión. Imaxinábame que só había unha persoa para gravar as imaxes e outra para dicir ‘acción’, pero non que traballaba tanta xente detrás, nin tampouco que cada escena se gravaba varias veces e traballar cos actores e actrices foi moi divertido, portábanse moi ben comigo". 

Nagore nunca se plantexara formar parte dunha película, pero a chegada do equipo de Arima a Mondoñedo cambiouno todo. "Foi miña nai quen me dixo que había un cásting porque sabe que me gustan estas cousas", recoñece a nena, "ao principio non estaba moi convencida porque pensei que non me ían coller, pero despois apetecíame presentarme aínda que non me elixiran e estaba moi nerviosa". 

"Nunca imaxinara como sería unha rodaxe, pensaba que só había unha persoa para gravar as imaxes e outra para dicir "acción'"

Agora xa non só ten experiencia nun set de rodaxe, senón tamén en presentacións e alfombras vermellas. "Foi moi bonito asistir ás presentacións, estaba nerviosa e tiña moitas ganas de volver a ver a todo o equipo", afirma Nagore, "había moitísima xente, gustoume andar pola alfombra vermella e facer o photocall, facíame sentir famosa". E non só iso, senón que tamén ten que facer fronte ás preguntas dos periodistas que a poñen algo nerviosa tamén, sobre todo con algunhas "ás que non sei moi ben como vou contestar". 

Pero ver por fin a cinta xa montada tamén foi un bonito agasallo pola sorpresa que supuxo para ela ese resultado final: "A primeira vez que a vin foi en Sevilla e sentín vergonza, pero tamén estaba contenta. A película vina de distinta maneira a cando estabamos gravando,  non me imaxinaba que ía quedar así, pero encantoume. Houbo algunha escena que cada vez que a vexo ríome porque me dá vergonza". 

"Estar na alfombra vermella fíxome sentir famosa"

A pesar de que lle encanta este mundo, Nagore aínda ten só 10 anos e manexa varias opcións sobre a profesión que terá cando sea maior: médico, profesora e actriz. Polo momento, aproveitará aquelas opcións que o cine lle poña diante para desfrutalas e co tempo decidirá o seu futuro, que quen sabe se estará ligado ao do celuloide.

"Ao principio preocupábanos que a rodaxe fora na súa meirande parte de noite"
A experiencia de formar parte dunha rodaxe foi nova para Nagore, pero tamén para seus pais, Elena Martínez e Miguel Arias, e máis sendo a nena tan pequena: "Ao principio preocupábanos que a rodaxe fora maioritariamente de noite no senso de saber si aguantaría e como o compaxinaría cos estudos, pero sempre foi unha nena moi responsable, gustáballe o que facía e foi sorprendente como o levou de ben, cunha enerxía enorme e ás veces aínda se facía curto". Contar cunha actriz na familia tamén lles permitiu coñecer máis de preto ese mundo: "Foi moi bonito vivir a rodaxe desde dentro e coñecer un pouco máis como se move o mundo do cine e todo o equipo foi maravilloso e estivo sempre  moi pendente da nena. Outra experiencia inolvidable foron os estreos, que foron moi especiais". 
"É importante que o que faga sexa sempre porque lle gusta"
Esa á premisa dos pais de Nagore, que  a ven aínda moi pequena para decidir cal será o seu futuro. Pero polo momento vai seguir neste mundo "porque ela quere". "Gustoulle moito a experiencia e ten ganas de repetir", afirman, "de feito, fixo un papel puntual ao ano seguinte na película sobre o naufraxio do Santa Isabel e Alfonso Zarauza estaba interesado nela para un papel na película ‘Ons’, pero despois facíase xa grande". 

Comentarios