Xabier Fortes: "A emoción da pesca da primeira troita nunca se esquece"

O xornalista e presentador de La Noche en 24 Horas pregona este sábado a Festa da Troita da Pontenova
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Xabier Fortes, no programa 'Jara y sedal'. EP

É PESCADOR de río dende neno e parece como se iso o definise aínda máis que o personaxe público que é como presentador de La noche en 24 horas, un programa de absoluta referencia no eido político malia que el xa era coñecido dabondo pola súa longa traxectoria na cadea pública. Pero en realidade, Xabier Fortes recoñécese un ser paixoal e entre esas paixóns sitúa desde logo a pesca e, concretamente, a de río. Di que nunca esqueceu a pesca da súa primeira troita e que está desexando botarse ó río. Aproveitará que está na Pontenova para probar co salmón, especialidade na que debutará. O seu pregón será hoxe sábado ás nove da noite, despois da entrega das Troitas de Ouro que comezará unha hora antes na casa da cultura.

Sorprendeulle a invitación para ser pregoeiro? 

Evidentemente si, porque non teño relación coa Pontenova e nunca estiven alí, así que é un excelente motivo para achegarme e, de paso, ir a pescar. Vai ser todo un placer.

Sendo de Pontevedra, é pescador de río ou de mar? 

De río, de río. É moito máis difícil que a de mar, que desde logo tamén é complicada e necesita a súa técnica, pero o río é outra cousa. Ademais que nunca esqueces a túa primeira troita. Precisamente por aí irá o meu pregón, un pregón que teño que dicir que me gusta especialmente porque a pesca é a miña afección máis de cedo. Gústame botar a vista cara atrás e pensar nos primeiros intentos de facelo con meu pai, sendo moi neno. Do complicado que era sacar unha troita, porque realmente é moi difícil sobre todo cando eres pequeno. Todo iso quedoume marcado moi fondamente e a pesca de río para min é a pesca por excelencia, de xeito que vou estar encantado na Pontenova.

Ten algunha opinión de por que desaparecen as troitas? 

Non son biólogo pero na miña opinión débese, polo menos en parte, ao abandono dos usos tradicionais a carón do río: o abandono das veigas que ofrecían alimento ás troitas, o abono de esterco natural que levaba moito verme e miñoca polo uso de abonos químicos, o furtivismo, zonas sobreexpostas… Antes facíase pan nos muíños no río e eso xeraba moito alimento. Todo ese ecosistema foi desaparecendo desde os anos 60 en diante.

Está a pesca por detrás da súa afección ao Pontevedra?

Pois si que son moi do Pontevedra, si… E non vou ir ao partido desta fin de semana que podemos ascender, pero non me dá tempo. E realmente teño mono de pesca. Esta fin de semana irei coa miña muller e uns compañeiros da facultade e tratarei de pescar salmón. Calculo que terei unhas dúas horas ou dúas horas e media e teño gañas de probalo. Teño moitas gañas de meterme no río, así que irei coas miñas miñocas e todo preparado para ver como me vai.

"A xente ten unha mala imaxe dos tertulianos que non é real. Son máis ben analistas que preparan a fondo os temas"

Transmite vostede unha certa imaxe de persoa á que lle gusta gozar a fondo da vida. Vese reflexado nesa impresión?

A min gústame disfrutar da vida en xeral, bebela a grolos. Gozar dos amigos, da familia, dos tempos de lecer fóra do traballo. E si que son bastante paixoal: no fútbol, nas miñas opinións… Sufro no palco do Pontevedra porque eu son do Fondo Norte, e gozo da pesca porque case non poido facela. Non creo que poida ir máis de tres ou catro veces ao ano. Pero gústame apañar as miñocas, ir a unha tenda comprar o material, sentir ese nervio de antes de chegar ao río… Vou con meu fillo e case antes de aparcar eu xa estou metido na auga. Todo iso si que é certo que me encanta.

Di unha editora colombiana que os autores sempre soen ser mellores que os seus libros. Para vostede os tertulianos tamén soen ser mellores que as opinións que expoñen ou non atopa o paralelismo?

Os tertulianos teñen para min moita mellor imaxe que a xente ten sobre eles. Hai algo despectivo nesa forma de chamalos, como se foran ‘todólogos’. Eu estou totalmente en contra desa opinión. Coñézoos ben e traballo con eles e sei que iso é unha gran mentira. Somos un programa de opinión política e eles reciben os temas que imos tratar a media tarde. Buscan e aprenden os datos, interprétanos, danlles contexto… Para min son máis ben analistas e hai unha imaxe deles desenfocada que podo dicir, porque o coñezo desde dentro, que non é real para nada.

O seu programa agora é un referente informativo, algo que se nota en moitos ataques de tipo persoal que recibe vostede. Nota esa presión ou compénsalle co que lle di a xente?

Na rúa hai de todo. Moitísimo apoio case sempre. Algunha vez, nalgún barrio moi concreto, nalgunha rúa moi concreta do centro  de Madrid, nalgún restaurante moi concreto me dixeron algún improperio cando ía comer coa miña muller, pero sen máis. Logo están as redes sociais e aí si, pero esvárame totalmente. A min pódeme molestar a crítica dalguén do oficio, unha crítica seria e reflexiva dun compañeiro, dun profesional serio. Pero esa ristra de insultos que me chega polas redes ou tamén a través dalgúns medios tóxicos, iso dame exactamente igual, non me molesta en absoluto. Nada. Cero. Ata me sacan un sorriso.

En realidade o seu programa segue unha liña sinxela: intercambio de opinións sen interrupcións nin insultos. E ten éxito. Por que cre que entón non se repite máis?

Pois non o sei, a verdade. E iso é certo, en realidade temos unha estrutura que non é complicada. Nós temos un oco e vainos bastante ben. Incluso temos unha audiencia que vai á alza aínda que é certo que para nós é complicadísimo medrar moito porque hai que ter en conta que temos distintos factores en contra que van dende a franxa horaria que temos, na que non podemos competir coas grandes producións de ‘prime time’. Pero tamén teño que dicir que temos unha audiencia selectiva no senso que na facultade nos dicían que crean opinión. Eu sei, porque me chega de volta, que o programa veno todos os líderes políticos e en todos os cuarteis xerais de todos os partidos porque me chegan comentarios do que se di alí.

"Si que pensei que podo ter o teléfono móbil intervido e se sae algo inapropiado, pois escusareime, pouco máis podo facer"

E cal diría entón que é o segredo que teñen para poder manter esa audiencia da que fala, que non é pequena, malia todas esas circunstancias?

O segredo dese ‘éxito’ por así dicir, é sinxelo: escoller os temas máis importantes do día sobre todo a nivel estatal, aínda que tamén internacionais porque á vista está que agora mesmo están pasando cousas que nos afectan moi directamente. E logo tratalos nunha mesa de análise que ten que ser plural e tamén compenetrada, con paridade e mesurada.

E sen insultos nin berros.

Non, non me gustan nada os berros. Sei perfectamente que hai outros formatos que tamén son moi respectables e que empregan iso. Pero eu prefiro os formatos da televisión pública que son os de contextualizar os temas que se tratan sen entrar en berros nin en insultos.

Nunca pensou que vostede pode ser perfectamente unha das vítimas das escoitas nos teléfonos móbiles?

Si, realmente si. Porque converso con moitos dirixentes políticos e como había unha listaxe tan grande de supostos espiados… Pois sempre pensas que pode aparecer algo. Tamén digo que a calquera, a calquera de nós se nos miran todo o que facemos, dicimos ou escribimos… É imposible que non saia un comentario inapropiado. Se é así, pois pedirei perdón e escusareime persoalmente. Pouco máis poido facer.

Comentarios