"Elixíronme coma unha homenaxe aos caboverdianos"

Antonina Semedo, pregoeira das festas de Burela, aínda non ten preparado o discurso co que abrirá as patronais, pero ten claro que dará as grazas a quen pensou nela para a lectura do pregón. No seu recordo aínda seguen vivas as celebracións do ano 1979, que desfrutou por primeira vez coa súa filla acabada de nacer
Antonina Semedo. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Antonina Semedo. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Chegou á Mariña dende Cabo Verde en 1978. Son 44 anos de vida en Burela, aínda que reside na parroquia focega de Cangas, cheos de recordos e anécdotas que ben seguro lembrará no pregón que dará o sábado, ás oito da tarde, no auditorio da casa da cultura para abrir as festas patronais.

Como recibiu a nova de que sería a pregoeira deste ano das festas patronais?

Cando me chamou Jose (en referencia ao concelleiro de cultura, José Díaz) pensei que era unha broma. Nunca se me pasara pola cabeza que me foran propoñer unha cousa semellante e ademais díxome que non podía dicir que non.

Logo aceptou.

De momento non. Primeiro díxenlle que ía chamar á miña flla, que vive en Lugo, a ver que me dicía ela. Chameina e díxome que se mo propuxeran era porque querían que fose e se eu tamén quería, que o fixese. Así que chamei a Jose e díxenlle que aceptaba.

E está contenta?

Moi contenta porque nunca soñara con ser pregoeira dunhas festas. Gústame cantar e tocar con Batuko Tabanka e ata actuar se me poño, pero ler un pregón nunca se me pasou pola cabeza. Penso que a razón de elixirme a min foi para ser a portavoz e facer unha homenaxe a todos os caboverdianos de Burela. Todos na rúa me dan parabéns por isto. 

Xa ten preparado o discurso?

Non, penso que improvisarei alí no momento. Despois de 44 anos aquí teño moitas cousas que contar, boas e non tan boas, aínda que acostumo a lembrar só as cousas boas porque as malas xa chegan soas. O que si farei será dar as grazas a todas as persoas que pensaron en min para dar o pregón e darei un abrazo grande para alcanzar a todos.

Lembra as primeiras festas que viviu en Burela?

Moi ben. Téñoas presentes como se fora hoxe. Eran as de 1979 e foi moi bonito. A miña filla tiña días porque nacera o 10 de maio e fun á misa con ela. Invitáronme a comer na súa casa Paco e Morocha. Tiñan tres fillos e claro, como nunca viran una nena morena como a miña, era algo extraordinario e andaban de riba para abaixo con ela nunha cesta que me regalaran Paco e o seu irmán Pepe. Fai pouco que me encontrei cun dos fillos de Paco e Morocha e non o coñecía, foi el quen me dixo quen era e gustoume moito volver velo. Dende aquela primeira vez pasaron 20 anos ata que puiden volver á festa porque traballaba en Casa Selmira en Cangas e eran datas con moito traballo. Pero despois sempre vin.

E que é o que máis lle gusta destas festas?

Todo, dende cortar as flores para as alfombras ata o último día da festa. Gústame moito xuntar flores e levalas, aínda que este ano vouno ter complicado porque o meu home está enfermo e non teño moi tempo para iso, pero para o ano que vén a ver se xa podo recuperar iso.

Son moi diferentes as festas en Cabo Verde?

Si, teñen cousas semellantes como a misa e a procesión e tamén hai música, pero non é igual que aquí. A verdade é que eu xa hai moitos anos que non vou a unha festa en Cabo Verde, pero polos recordos que gardo delas hai diferenzas coas de aquí.

Como celebra a comunidade caboverdiana as patronais?

Igual que a xente de aquí. Organizan unha comida e invitan á familia que está fóra de Burela e participan tamén en todos os actos que se organizan.

Como pensa que serán este ano despois de dous anos sen poder celebrarse?

Van ser grandísimas porque todo o mundo ten moitas ganas de festa xa que foron dos anos sen poder celebrar e agora ten que ser por todo o alto.

Comentarios