domingo. 05.04.2020 |
El tiempo
domingo. 05.04.2020
El tiempo

ALCALDESAS LUCENSES

Elena Candia: "Os problemas que che chegan acaban por ser un pouco teus tamén"

Elena Candia. JOSÉ Mª ÁLVEZ
Elena Candia. JOSÉ Mª ÁLVEZ
Non sempre é doado poñerse á fronte dun concello rural que perde poboación pero Elena do Ramís, como lle gustaría que a recordasen, fixo unha aposta hai cinco anos da que espera ir recollendo os froitos.

A política corre polas súas veas. Dende que empezou como concelleira en Mondoñedo, seguiu o camiño ascendente ata chegar a ocupar a alcaldía en 2015, e ese labor de intentar darlle un novo pulo ao concello compaxínao coa portavocía do PP na Deputación provincial e con ser a presidenta dos populares lucenses. Entende a política como un xeito de mellorar o entorno e, neste senso, defende a necesidade de que a xente se involucre na vida pública. Licenciada en Dereito, non dubida á hora de afirmar que volverá á súa profesión cando esta etapa da súa vida remate. 

Como cambia a vida persoal cando un se pon á fronte dun Concello? 
A política local é capaz de absorber todo o tempo, traballo e dedicación que esteas disposto a entregar. Ademais da enorme responsabilidade que conleva. Por iso entrar como alcaldesa ou como alcalde dun concello pode cambiarche totalmente a vida. Polo teu despacho, se es accesible, acaban pasando moitos problemas e situacións complicadas que e difícil que non acabes por convertelos un pouco nos teus tamén. Iso, se realmente te implicas, lévate a cambiar totalmente a túa vida. Resulta moi difícil desconectar dese traballo diario que acaba sendo tan esixente, porque ademais en moitos casos non depende de ti a solución, pero aínda así é inevitable que che chegue a afectar dalgún xeito. 

Este é o segundo mandato que afronta, está atopando moitas diferenzas co primeiro? 
Nestes anos xa teño os piares colocados e agardo poder ir recollendo os froitos do moito traballo que se fixo ao longo dos catro anteriores anos á fronte do goberno. 

Que retos ten que afrontar un alcalde do rural? 
Un alcalde do rural, ou dun concello que perda poboación, ten o apaixonante reto de aplicar políticas tradicionais mesturadas coa innovación para que se reactive a economía e se revirta a situación de perda de habitantes. Ás veces non resulta sinxelo, electoralmente, explicar que se fan menos quilómetros de aglomerado pero se invirte en coworking, pero penso que é unha estratexia axeitada para que os concellos podan medrar e evolucionar. 

Que tipo de obstáculos atopou á hora de desenvolver o seu labor como alcaldesa? 
O ritmo do funcionamento dos concellos é máis lento do que me gustaría. En realidade, a administración en xeral é bastante lenta. 

Debería haber máis rigor coas críticas, porque moitas fan dano á xente do teu entorno e iso non é xusto

Pensa que as mulleres teñen máis complicado desenvolverse e avanzar na política? 
Non o creo. Seguro que coincidirá comigo en que a min ninguén me regalou nada. Todo o que fun acadando no mundo da política foi ganado por etapas e por ter o apoio de moita xente e tamén dos compañeiros. 

Vostede ademais de alcaldesa é presidenta provincial do partido e portavoz na Deputación, como se compaxina todo este traballo?
Con traballo e dedicación e coa axuda de moitos compañeiros comprometidos neste proxecto e que son boa xente. 

Como leva as críticas que sempre van da man dun cargo coma o seu? 
Aquelas críticas que se fan con boa fe hai que escoitalas e corrixir os erros, si teñen razón naquilo que che din. As que se fan con mala fe... Aínda que dalgunhas tamén podes aprender, por exemplo para colocar no lugar axeitado a aquel que cha fai. Nestes casos é moi importante saber a quen ten un na vida. Parece que por estar en política todo o mundo ten máis dereito á hora de criticarte e iso non me parece xusto, aínda que vexo que no día a día esta é unha realidade que está aí. Esas críticas xa non é que che fagan dano a ti senón tamén á xente do teu entorno que non o merece. Realmente penso que debería haber máis rigor nas críticas, especialmente esas que se fan de xeito gratuíto e de mala fe. 

Cal quere que sexa o seu maior logro cando abandone a política? 
Gustaríame que a xente me recorde como Elena do Ramís, que traballou con honradez e dedicación e que acadou os obxectivos marcados para os seus proxectos. Que respectou a todo o mundo, tanto aos compañeiros coma os adversarios, e que intentou tamén ser respectada. E que aquelas persoas que coincidiron conmigo vexan unha boa persoa que intentou axudar. 

Nos concellos pequenos penso que é imprescindible que haxa xente que se involucre na vida pública

Que recordos gardará desta época á fronte do consistorio? 
Seguro que serán moitos, pero con especial cariño levarei o daquelas persoas que se emocionaron comigo na alcaldía por distintos motivos e en distintos momentos. 

Sempre tivo claro que quería desenvolver unha faceta política ou este mundo veulle un pouco dado polas circunstancias? 
Sempre me gustou o reto de intentar mellorar as cousas e implicarme para acadar ese obxectivo principal. Nos concellos pequenos creo que é imprescindible que haxa xente que se involucre na actividade pública. 

Se deixa de ser alcaldesa, ten pensado a que se dedicará? 
Á miña profesión. Sigo estudando e en contacto coa miña actividade, porque penso que iso tamén é imprescindible para estar na política.

Moi persoal | "Gústame que o patrimonio estea conservado"
Lugar preferido en Mondoñedo. 
Dende o Ramís, na parroquia do Carmen, esa vista na ladeira do Padornelo, que reconforta sempre. 
Un libro. 
A verdade é que me vale calquera. Son das persoas que atopo un papel no chan e me paro para lelo. Aínda teño a pegada do último que lin, Tierra de Mujeres, polo significado e porque foi un agasallo. 
Unha película. 
Vou elixir Arima, porque con ela vai o meu Mondoñedo. 
Un sitio para perderse. 
Ávila. Gústanme eses espazos da España interior que conservan o seu patrimonio material impecable e nos que o inmaterial está moi vivo. 
Se tivera que elixir un obxecto persoal, sería... 
Un anel. 
De que maneira consegue desconectar da voráxine do día a día. 
Camiñando. 
Unha festa. 
As San Lucas. 
Un soño. 
Gustaríame que se gañe a través da investigación a loita contra o cancro. 
Un sabor. 
Quédome con todos, porque adoro comer. 
Unha cor. 
Azul.

Elena Candia: "Os problemas que che chegan acaban por ser un pouco...
Comentarios