Elena Candia: "Como tarefa póñome recuperar o Concello de Lugo e a Deputación"

A candidata a presidir de novo o PP de Lugo anticipa unha candidatura de moita cara nova pero abre a porta a nomes como Balseiro ou o alcalde de Friol 
Elena Candia. EP
photo_camera Elena Candia, a carón da estatua de Cunqueiro en Mondoñedo. ÁLVEZ

Con que ánimo decidíu presentarse á reelección como presidenta do PP de Lugo e que retos se marca, de continuidade ou de renovación?

Eu penso que agora mesmo o Partido Popular de Lugo ten unha base que funciona e que non se debe cambiar. Agora ben, é indubidable que temos que afrontar un reto importante que é o de recuperar a Deputación Provincial e máis o goberno do Concello de Lugo, e en base a eses obxectivos temos que, non innovar, pero si mellorar aquelo que entendemos que non puidemos mellorar ata o de agora. Temos a base, iso seguro, pero hai que seguir medrando en afiliados como ata o de agora. Iso precisamente me fai pensar que estamos cerca da xente, pero debemos reilusionarnos e rearmarnos entendendo que ó mesmo tempo debemos seguir con aquilo que nos está a funcionar.

E será con xente nova na lista?

Polo de agora esperaremos a que se faga oficial polos cauces que teñen que ir estas cuestións antes de que sexan públicas.

Isto de ser unha única lista á reelección interprétao como negativo ou como positivo?

Penso que un dos valores que lle reporcoñece a cidadanía e a militancia ao noso partido é a unidade. Iso é compatible con que pode haber dentro distintas sensibilidades; iso penso que o entende calquera. Pero eu creo que neste momento, tan complicado, debido a unha crise sanitaria que está marcando claramente unha crise económica, o feito de que poidamos visualizar esta unidade interprétase como unha fortaleza. E non o digo pola comodidade que esta situación me dá de cara a unha campaña na que por exemplo non te vas desgastar en debates internos e podes adicarte a buscar fórmulas útiles para a provincia e a optimizar tempos e esforzos. Non é negativo que haxa máis xente, pero o feito de que non a haxa valóroo como signo de fortaleza e tamén de empatía.

Estase falando moito da lista que vai levar e de quen a vai acompañar na direción. Será unha lista renovadora ou continuísta?

Bueno, eu penso que co que xa se viu, na comisión organizadora do congreso hai caras novas que non se coñecían por parte da maioría da xente, e iso para min é bo porque se manda a mensaxe de que hai xente nova. En idade e en experiencia política. Xente que está traballando na base e que confía no noso proxecto político. Neles delegaremos a responsabilidade de organizar un congreso que é, se me apuras, un exercicio de democracia interna importantísimo. Así que esa é unha mensaxe: cando se di que somos un partido de xente maior, que é algo que a min me enorgullece, tamén se ve que nos estamos achegando aos mozos. Agora mesmo é máis necesario que nunca traballar en equipo e combinar a experiencia coa xuventude, con xente con novas ideas, novas forzas… Cando teñen aínda esa certa inocencia porque non descubriron algunhas cousas que ó mellor conlevan unha certa desilusión. Pois eles teñen que ter este protagonismo.

E vai contar con xente importante como poden ser o alcalde de Friol (José Ángel Santos) ou tamén José Manuel Balseiro?

Eu quero contar con todos. Esas dúas persoas en concreto son grandes institucións no PP e desde logo que quero contar con eles porque teñen un compromiso e unha vinculación co partido que evidentemente ten que quedar reflictida no meu proxecto. Tamén hai que dicir que hai moita xente que está no proxecto pero non estará na directiva. Non por nada, é que só haberá uns cantos, iso non o oculto. Eu fun traballando dando distintos pasos: primeiro no congreso autonómico e agora con este. O día 4 de agosto remata o prazo para presentar candidaturas e falaremos non só de persoas, é importante falar de contidos e de proxectos. Personalizar sería un erro, non podemos estar pendentes só diso. Logo o meu traballo será tentar poñer a cada quen no mellor sitio posible e onde poida aportar para sacar o mellor de cada quen. Iso sería un éxito de cara a 2023, nas municipais, que xa están preto e temos moito traballo. Levamos moito feito porque penso que na pandemia estase vendo un partido vivo e mobilizado, con moita presencia nos asuntos importantes e en todas as institucións. Nese sentido quero dicir que estou moi agradecida aos alcaldes e portavoces do meu partido, que se manteñen sempre moi activos e nestes tempos non é tan sinxelo.

Agora xa parece claro que quen dicía que abandonaría Mondoñedo para irse á política autonómica, estaba errado. Polo menos ata o ano 2023…

Eu teño un compromiso con Mondoñedo que empezou en 2003 e no que fun dando pasos ocupando a función na que me foron colocando e agora mesmo o meu compromiso ata 2023 é inquebrantable. Está feo que o diga eu, pero intento estar á altura das circunstancias. Estou a total disposición do meu alcalde e dos veciños. Tiven un depósito de confianza deles importantísimo e independentemente da cadeira na que sente, a alcaldía antes ou unha concellaría agora, vou seguir un compromiso total e absoluto. Sei que ás veces agora isto se visibiliza menos porcoñece que non son a alcaldesa e certos protagonismos ten que asumilos o meu alcalde, Manolo Otero, pero ese compromiso segue a estar aí.

Que pasa ou en que situación se atopa esa revindicación para que se mellore a Nacional 634 ao seu paso por Mondoñedo?

A ver, teoricamente, iso está en marcha. Sei que son uns 4 millóns de euros para unhas obras moi importantes, con desdobramento de carril, balización, pintura ou iluminación de acceso. Teño que dicir que agradezo persoalmente o esforzo do secretario de Estado, Sergio Vázquez. Pero realmente isto é un indicador máis do abandono que sofre a provincia. Eu sempre o argumento expoñendo que se trata dunha estrada feita nos anos 90 que se usa como derivación, e vía máis segura, doutra estrada, a autovía, feita no século XXI, como é a A-8. Entendo que todo debe ser un problema económico, ou iso din, porque sempre atopo o apoio unánime a esta petición, PSOE incluído. Teño que dicir que foi unha mágoa que perdésemos a moción de censura a Rajoy porque eu negociei persoalmente esta obra con Fomento e estaba todo en marcha. Agardo que agora teñan a mesma sensibilidade que entón, aínda que no último debate parlamentario do PSOE, a súa deputada, tamén mariñana, fixo unha intervención moi cargada de política e lixeira de sentido común. Pero ó final acabou votando que si. Veremos...

Como está un tema no que vostede se implicou de xeito notable como é a renovación da Praza da Catedral de Mondoñedo?

Pois estivo a exposición pública e en dúas zonas concretas o proxecto non gustaba por razóns opostas, uns dicían que era moi agresivo e outros que se quedaba curto. Falo do desprazamento da balaustrada, que uns querían quitala cunha alegación con valoración positiva dalgúns organismos e outros modificala. E nos Cantóns pasaba exactamente o mesmo. Uns dicían que nada e outros, que o dobre. Polo medio de todo este proceso aprobouse a Área Rexurbe que contempla un plan de mobilidade con distintas intervencións para cambiar o sentido dalgunha rúa e facilitar o tránsito de coches e peóns. Polo de agora o que fixemos foi impulsar unha parte da obra que non se cuestiona: mellora de firmes, luces, fin aos contedores soterrados, etc. E o cuestionado por exceso ou defecto non se aborda ata que o plan de mobilidade estea rematado. Isto estará adxudicado antes do 9 de setembro, aínda que non se farán as obras porque estamos a ver que acontece coas San Lucas. Iso é algo moi, moi sensible e gustaríanos ter un consenso ó cento por cento. Teño que dicir neste punto que hai que agradecer o traballo dos funcionarios de Fomento, que realmente son do mellor que me atopei na miña vida política. É realmente incrible a implicación que tiveron para sacar adiante proxectos coma este.

Que nota se poría como presidenta provincial durante estes últimos anos?

A ver, eu creo que estaría feo poñerme unha nota a min mesma. O que si que podo dicir é que neste tempo traballei moito, de verdade. Fun a todos os concellos varias veces. Ata ós máis pequenos, como pode ser Negueira de Muñiz. Tamén teño que admitir que fixen cousas mal e me equivoquei en varias. Por suposto que si. Pero en todo o que fixen nunca quixen facerlle dano a ninguén. Nin a rivais nin a adversarios políticos. Nunca. Só traballei con honestidade e crendo no que facía e que facía sempre o mellor para a nosa xente e para o noso partido. Como é moito tempo e como penso que se fixeron cousas, pois entendo que tamén é ata certo punto normal que se cometan erros, algúns seguramente evitables e dos que tamén hai que aprender, claro. A partires de aí, poñerse unha nota a un mesmo, non sei, penso que é algo complicado.

Más en A Mariña
Comentarios