Domingo. 16.12.2018 |
El tiempo
Domingo. 16.12.2018
El tiempo

Dous meses coa ilusión do Nadal

Nava Castro visita o belén de Begonte. CP.
Nava Castro visita o belén de Begonte. CP.

A directora xeral de Turismo, Nava Castro, substituíu a Román Rodríguez no pregón dos actos inaugurais do belén de Begonte, onde agradeceu a implicación da comunidade

Xa é unha realidade. Ano tras ano, dende 1972, cando as pequenas figuras do nacemento electrónico dos dous Xosés cobran vida, espertando a ilusión de pequenos e de maiores, chega o Nadal. E en Begonte do belén, esta celebración esténdese durante dous meses.

Inaugurouse este sábado a cuadraxésimo sétima edición do que deu en chamarse O Nadal en Begonte, unha proposta de actividades ao redor dun epicentro, ese belén electrónico creado por Xosé Domínguez Guizán e Xosé Rodríguez Varela -a súa viúva, Pilar Gómez, acudiu á inauguración- que ofreceu os seus primeiros pases logo da tradicional misa en memoria dos que xa non están.

No transcurso desta leuse o tradicional pregón, unha responsabilidade que inicialmente recaera no conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, ao que unha viaxe de última hora a Xapón lle imposibilitou acudir. Si o fixo no seu nome a directora xeral de Turismo, Nava Castro, que xa asumira este cometido en 2015.

"Alégrame repetir, porque aquela experiencia deixou en min unha gran pegada", asegurou a pregoeira, gabando unha iniciativa "que traspasa límites" e que é "un gran reclamo e un acontecemento esperado". Confirmou notar o mesmo espírito que fai tres anos, ou mesmo máis forte "grazas ao voso traballo e tesón, ao dos que dan o mellor de si mesmos para facelo unha realidade", dixo, ao tempo que repasou a fonda tradición belenística galega.

O nacemento que estará aberto ata o 26 de xaneiro, conta este ano cunnh matanza do porco e un pescador como novidades

A misa contou tamén co coro e coa banda de música da asociación músico Crisanto, xurdida da fusión das escolas municipais de Begonte, Rábade e Outeiro de Rei -o alcalde rabadense, Fransico Fernández, membro do coro, recollía un agasallo conmemorativo de mans do seu homónimo begontés, José Ulla-. Esta unión de esforzos para crear "algo grande" é "exemplo único en Galicia", dixo Xulio Xiz, unha vez máis voceiro da celebración impulsada dende o centro cultural José Domínguez Guizán, onde Nava Castro tamén aproveitou para visitar o museo que lembra a Rodríguez Varela.

A responsable de Turismo tamén puido coñecer de primeira man as novidades dun belén electrónico que conta coa distinción de Festa de Interese Turístico de Galicia. Ramiro Cruz, que o ano pasado recreara unha malla tradicional, apostou este ano por deseñar unha matanza do porco e un pescador para sumar ao renovado nacemento, en cuxa montaxe traballou dende finais do verán xunto a Carlos Torres e Sito Veiga.

O froito do seu traballo poderase ver ata o 26 de xaneiro, día da clausura, na que tamén se entragarán os premios dos certames de poesía, xornalismo, debuxo infantil e arte que cada ano se convocan no marco do Nadal en Begonte.

Dous meses coa ilusión do Nadal
Comentarios