Un documental de Díaz Ortiz abrirá as xornadas da Pomba do Arco en Foz

A asociación organizou catro días de conferencias que empezan o luns e nas que se falará da restauración e dos carpinteiros de ribeira e se recuperarán fotografías do século pasado

Avenida da Mariña, en Foz. ARQUIVO DA POMBA DO ARCO
photo_camera Avenida da Mariña, en Foz. ARQUIVO DA POMBA DO ARCO

A asociación cultural A Pomba do Arco de Foz volve celebrar, como cada verán, as súas xornadas de historia local que arrancan o vindeiro luns, ás oito e media da tarde na casa da cultura, coa proxección do documental inédito Foz, Cangas e Lourenzá grabado a comezos dos anos 50 polo cangués Antonio Díaz Ortiz e cunha palestra posterior a cargo de Martín Fernández Vizoso, na que se fará un percorrido pola traxectoria vital do autor do documental baixo o título Antonio Díaz Ortiz, cineasta, empresario e oficial republicano. Nela daranse datos sobre a vida deste veciño de Cangas que tras combater co exército republicano e fuxir da represión franquista instalouse en Madrid, onde foi un importante empresario. A cinta, conservada pola familia de Díaz Ortiz, presenta imaxes descoñecidas de Cangas, Foz e Lourenzá, pousándose nos nomes de moitas persoas e familias destas localidades.

Este primeiro día abre outros tres nos que se recuperarán distintos capítulos da historia focega. Así, o martes será a quenda de Xosé Ramón Ermida Meilán, autor de diversos traballos de investigación sobre a localidade algúns dos cales foron publicados en diversas edicións da revista Bolanda. Baixo o título A fotografía focega. 1906-1936, Ermida propón unha viaxe fotográfica pola historia da localidade nas primerias décadas do século XX centrándose nos traballos de Alberte Bravo, Andrés Gamboa e Manuel Luxilde, fotógrafos cos que contou Foz nese periodo, ademais da obra do ribadensae Bieito Prieto e do mindoniense Santiago Pernas.

Para o mércores está prevista a conferencia de Xé Freire. O investigador mindoniense achegaralles aos presentes o Foz da restauración. "Un dos eixos sobre os que xirará a palestra de Freire é a relación mantida coa nosa localidade polos máis importantes intelectuais mindonienses, sinalándose entre eles Eduardo Lence Santar", explican dende A Pomba do Arco. Entre outros aspectos, Xe Freire abordará relación que Lence tiña con Foz, onde veraneaba.

As xornadas pecharanse o xoves cunha mesa redonda onde participarán varios focegos que desenvolveron a súa actividade profesional como carpinteiros de ribeira. A mesa estará conducida por un membro da Pomba do Arco e contará coa participación de Santiago Pérez, Pedro Fraga, Carlos Villarino, Alfredo Sixto, Ramón Cuadrado, Alfonso García e Juan Necega, cubrindo o periodo da construcción naval en Foz dende 1942 ata a actualidade.

"As persoas que estarán presentes nesta palestra son só unha representación significativa dunha actividade que chegou a ocupar moitas persoas na nosa vila sendo un exemplo disto os estaleiros de Juan María e do seu fillo Suso, de Santiago de Puebla, dos Morenos, de David ou de César Beltrán", detallan dende a organización.

"As xornadas son unha aposta por dar a coñecer a nosa historia, divulgar o noso pasado, interpretalo e conservalo coa complicidade das xentes de Foz, xa que son os seus veciños os que coa súa asistencia fan posible estas xornadas ano tras ano", asegura o presidente da entidade Xoán Ramón Fernández Pacios.

Comentarios