Do pupitre á mesa do profesor no Vilar Ponte

Entre o cadro de profesorado do instituto viveirés Vilar Ponte hai integrantes que no seu día foron alumnas do propio centro. Contan como foi a volta, como cambiaron as instalación ou o alumnado neses anos e tamén o chocante que foi ter como compañeiros aos que antano eran os seus alumnos. Moitas anécdotas e material deses anos sairán nas celebracións do 50 aniversario do centro.

Graduación do Vilar Ponte.AMA
photo_camera Graduación do Vilar Ponte.AMA

Volver ao instituto anos despois de rematar os estudos nel e cambiando á banda dos profesores é unha experiencia chea de sensacións e anécdotas para catro docentes do IES Vilar Ponte de Viveiro que viviron —e continúan— a experiencia. O reencontro coas aulas, cun alumnado algo menos disciplinado do que elas eran e sobre todo con profesores que lles deran clase e pasan a ser compañeiros son algunhas das súas percepcións máis relevantes.

«Eu pedín moitos centros e tocoume este porque había vacantes aquel ano e non teño pensado moverme, porque ao ser de aquí podo conciliar moi ben», explica Carolina Mariño, veciña de Magazos e profesora de Lingua Castelá e Literatura dende hai dez anos no centro no que estudara nos 90. Está moi contenta co seu traballo aínda que recoñece que o primeiro curso lle custou adaptarse «a vivir e traballar no mesmo sitio sendo de aquí, porque non é un traballo calquera, tes que avaliar ao fillo do veciño ou das túas amigas», di.

«A min véñenme ás titorías fillos de compañeiros», conta a orientadora Marta María Rodríguez, natural do Barqueiro e que chegou ao Vilar como alumna no ano 76 e a traballar no 2005, logo de solicitalo como primeira opción. «O máis significativo ao vir é que me sento nun claustro e me atopo un montón de profesores que me deran clase», sinala.

Isto supuxo un maior impacto para Vanesa Rivas, profesora de Pedagoxía Terapéutica, e María Carmen López, de Tecnoloxía. «O primeiro día que entrei na sala de profesores botáronme fóra, dicindo que facía alí, se non sabía que non se podía entrar, ata que lles dixen que era profesora», conta a Rivas, veciña de Covas. Despois a adaptación foi moi boa. «Saír de cafés con eles, de marcha e velos dende o ámbito de compañeiros foi para min unha das cousas máis curiosas», relata.
María Carmen López chegou ao Vilar Ponte primeiro como estudante dende a escola unitaria de Riobarba, no Vicedo, o que supuxo «un cambio moi grande» e lembra que había «un profesorado moi elitista», a parte do cal viu despois cando regresou de profesora. «Non era a miña primeira opción porque non quería vir para o lugar onde estudara e quedei impactada cando cheguei polos profesores maiores que había, aínda que despois estiven moi ben con outros máis abertos como Sancosmed, Carrillo ou Cal», lembra.

As catro apuntan que o edificio principal non cambiou moito entre que marcharon e volveron. «O que é agora o salón de actos cando eu estudaba era o ximnasio. Non se edificaran aínda os pavillóns e non había cancelas, era un centro que estaba aberto», di Carolina Mariño, quen lembra saír nos recreos ao paseo marítimo. Coinciden en que eran moitos alumnos —pasaban dos 800— e profesores —ata máis de 70— xa que «antes en Maestría só se daba FP; BUP e Cou viñan aquí, e ademais non había os institutos de Xove nin de San Cibrao e tamén viñan moitos alumnos desas zonas».

As profesoras notan que o alumnado tamén cambiou neste tempo. «Había máis disciplina, creo que máis responsabilidade. Tiñamos máis liberdade, porque o centro era aberto e saiamos fóra, pero non fondo eras máis responsable porque non había segundas oportunidades. Facías un exame e xa está», opina Mariño.

«Nos meus tempos era un sistema máis autoritario e a ensinanza non era obrigatoria, en teoría viñamos ao instituto aqueles que queriamos facer algo porque as nosas familias estaban interesadas», engade Marta Rodríguez. «Se había algún tipo de gamberrismo non eran cousas supergraves como hai agora, eran chiquilladas entre nós», conta Vanesa Rivas, quen cita como exemplo: «Se era baixiña a profe poñiamoslle o borrador encima do encerado, cousas dese estilo».

Seguro que moitos recordos agromarán nos actos polo 50 aniversario do centro, ao que van contribuír. Na exposición haberá material como o chándal do instituto que Carolina Mariño —cuxa nai fora alumna do Vilar Ponte— gardaba no faio ou unha fotoque tamén cede ela sobre as protestas que se fixeron «o ano que querían levar a selectividade para Lugo».

Pola súa banda Marta Rodríguez aportará unha foto dun dos seus recordos máis vivos: «Cando acabamos segundo de Bup a profesora levounos ao parque, fixemos unha queimada e tomámola. Se fose hoxe iriamos ao Defensor do Menor ou á Policía (bromea). Foi a primeira borracheira que collín, a queimada estaba tan boa!», di.

A vicedirectora do IES Vilar Ponte, Elena Méndez, coordina os actos de celebración do 50 aniversario do centro do 19 ao 23 deste mes, entre os que destacan unha comida ou unha exposición que permanecerá aberta no verán. O programa inaugúrase o martes 19 no salón de actos con presenza de alumnos e profesores da primeira promoción, do ano 68, ademais de autoridades. Tamén se descubrirá unha placa e inaugurarase a citada mostra, á que denominan ‘50 anos do Vilar’. Para finalizar servirase un cóctel.

Música e anécdotas

Os alumnos actuais do centro participarán o mércores 20 e o xoves 21 nun acto poético musical con profesores do instituto e coa colaboración do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro. Tamén asistirán a mesas redondas con antigos alumnos e mestres das primeiras promocións que falarán das súas vivencias e anécdotas. O 23 será o xantar conmemorativo dos 50 anos, ao que están convidados todos os alumnos, profesores e persoal do centro nestas cinco décadas. O convite será no Louzao cun prezo de 40 euros por persoa.

Comentarios