Do boletín ás redes sociais e á rotativa

Unha exposición que recolle o "boom" dos micromedios no agromar da democracia destaca os publicados na Mariña

Alumnos e directora do IES Illa de Sarón recibiron o premio da Escola de Prensa de mans da presidenta de El Progreso. J.VÁZQUEZ
photo_camera Alumnos e directora do IES Illa de Sarón recibiron o premio da Escola de Prensa de mans da presidenta de El Progreso. J.VÁZQUEZ

O último número de Amencer, a revista do Real Seminario Conciliar de Santa Catalina, saíu hai uns días "recén forneado e ben quentiño", como anunciaban no Twitter diocesano. Outro especial de Nadal e de honras literarias que conta con entrevistas a Uxío García Amor e Julia María Dopico Vale, logo de 36 anos de viaxe e 239 números, que se di axiña, pero supón un longo percorrido e gran labor dos rectores e alumnos da institución mindoniense, sobrevivindo a eles.

Amencer reflicte unha traxectoria que abarca a literatura popular e a dos nomes propios da cultura galega. Dan man do coordinador, Félix Villares, foron amencendo na publicación Cunqueiro, Leiras Pulpeiro e tantos escritores. sendo xa a propia publicación noticia en redes sociais.

Pero antes da chegada destas ou dos blogs e páxinas web, as imprentas e fotocopiadoras foron o penúltimo paso antes da grapa dos múltiples fanzines e revistas que servían de medio de comunicación a todo tipo de asociacións, agrupacións políticas e colexios. Algúns deles siguen vivos e outros son papel de exposición coma que estes días se pode ver na Biblioteca Nodal de Lugo. Alí teñen un protagonismo especial micromedios míticos da Mariña como Amencer, o órgano de comunicación do seminario de Mondoñedo. O número 0, saído do cascarón en abril de 1982, luce os tipos da máquina de escribir e na cabeceira o sol asomando por riba do Fiouco.

A nova edición da Escola de Prensa de El Progreso xa está en marcha para recoller a creatividade do alumnado e profesorado

As revistas escolares, coas portadas da man de debuxantes escollidos, foron recompiladas nalgún caso con disciplina. Para mostra A Medela, do colexio público de E.X.B. de Xove e teñen gran presencie medios de Foz: Picaraxadas, nunha das habituais aparicións con motivo das Letras Galegas. Un exemplar feito polos alumnos do Colexio Nacional de Foz, apareceu o 17 de maio de 1978 e outra publicación de longa traxectoria é o boletín da asociación de pais e nais de alumnos do Colexio Martínez Otero de Foz Atalaya" que no número 2 editado na primavera de 1976, dedicaba amplo espazo aos deberes e dereitos da familia.

No número 1 de Anduriña, que tamén se expón en Lugo, aparecido en decembro de 1985 pola asociación cultural de San Cibrao, unha foto histórica da navegación a vela preside a súa portada, onde tamén se marca un prezo de adquisición: 150 pesetas. Anque prácticamente todos estes micromedios se repartían de balde, este ten un motivo: o portador da revista financiaba a edición de imprenta e xogaba dez pesetas na Lotaría do Neno do sorteo de 1986.

Entre os que exerceron portavocías políticas destaca polo formato tipo tabloide Penedo do Galo, voceiro nos anos 90 do pasado século do BNG de Viveiro e que, ao igual que o boletín de información cultural Sementeira da asociación cultural da mesma cidade, emprega o galego "polo dereito irrenunciabel ao uso do noso idioma". Ao cumprir oito anos de vida, en 1980, aparecía polo 17 de maio proclamando a súa oposición ao Decreto do Bilingüismo e con colaboracións de Xaime Oroza, Darío Xohán Cabana ou Manuel María, que escribía de "O antigaleguismo de Noriega Varela".

A prensa escolar soe ser froito do impulso e implicación do profesorado

Segundo explica a doutora Rosa Cal na explicación da mostra de xornais, revistas e boletíns do comezo da democracia, abrangue publicacións luguesas entre os anos 1975 e 1984 no "despertar dos impresos pouñares, que se produciu co cambio da dictadura a un estado constitucional democrático, que respectará os dereitos e liberdades de prensa, entre elas a liberdade de informar".

Moitos dos boletíns saídos das 82 asociacións de veciños rexistradas no Goberno Civil de Lugo nesa época non se poden localizar porque eran voceiros sen depósito legal, froito das présas por refacelo todo (política, historia, literatura, ensino...) pero moitos reflicten o esforzo de profesores, alumnos, veciños, políticos, asociacións relixiosas ou de traballadores sanitarios por divulgar os seus proxectos e inquedanzas.

Na exposición inclúense tamén publicacións locais de longo percorrido, caso de La Comarca del Eo, de Ribadeo, ou El Heraldo de Vivero que xa entonces, no mesmo día de informar de que "Franco ha muerto", dedicaba o maior espazo da portada a "Los aparcamientos: ¿Adonde llevamos nuestros coches?" ou semanarios como Badal, de Viveiro; Beiramar, con sé en Ribadeo e difusión comarcal e na rúa en 1987, antes xa da inauguración da Ponte dos Santos que estes días recuperará a súa iluminación. Non foron os únicos, tamén tivo a súa época en Burela, entre 1985 e 1990, O Trasno, portavoz do colectivo cultural Buril.

Na mostra, que sería interesante recuperar para A Mariña, aparece incluso Xove. Revista de Información Municipal, que editou o Concello nos primeiros anos oitenta, cun formato moi do estilo do Boletín Oficial da Provincia e antes de que agromaran radios municipais que conviven hoxe co Twitter, o WhatsApp o Facebook ou o Instagram.

Nos boletíns pode repasarse tamén a evolución dos pobos. O celeirense Míguez atesora algún deses "micromedios" do colexio de Celeiro

Porque agora gran parte de vida das institucións viaxa polo mundo virtual. Case todos os colexios trasladan á internet a súa vida e novidades, ainda que procuran aparecer tamén na prensa escrita. Aparecer no papel, chegar físicamente ao lector na casa ou na cafetería é un plus que aínda "non ten prezo". Ainda que a maioría das cousas saian só polas pantallas de ordenador ou os teléfonos.

Como exemplo, o colexio Vista Alegre de Burela inclúe na súa web -sostida a través da páxina que a Consellería de Educación dedica aos centros de ensinanza-, ata once blogues repartidos por cursos, biblioteca ou especialidades como inglés e TIC. Outros moitos colexios e institutos centran na web os seus esforzos, agás de celebracións destacadas para o ensino como é o Día das Letras Galegas. con gran desplegue de monografías e cartaces sobre os homenaxeados.

A prensa escolar soe ser froito do impulso e implicación do profesorado. Como recoñece o mestre Vicente Míguez, "ito tamén depende das ganas de traballar que haxa" e do participativa que sexa a comunidade escolar. A miúdo a recollida que van os alumnos de historias e linguaxe propios dos seus municipios é riquísimo. O Provisional, portavoz do IES María Sarmiento de Viveiro é unha boa mostra diso.

Nos boletíns pode repasarse tamén a evolución dos pobos. O celeirense Míguez atesora algún deses "micromedios" do colexio de Celeiro. A portada é un debuxo moi mariñeiro que da conta do momento no que aínda estaba en construción o novo espigón e todavía non se derrubara o peirao vello de Celeiro, todo un símbolo. No porto, a confraría de pescadores tamén editou un tempo o seu boletín: O Serenín.

Comentarios