Tal como eramos

Que foi de... Diego Martínez, focense e mellor físico xove no 2013

Pode chegar a entender parte da materia escura do universo, un santo grial da Física, e loa os experimentos con neutrinos en Xapón
Diego Martínez. EP
photo_camera Diego Martínez. EP

O caso de Diego Martínez foi paradigmático: Como Mellor Físico Xove de Europa, ou mesmo dun espectro máis amplo, tiña que ir traballar fóra. El puido volver e agora traballa "en entender a materia escura da que en parte está formado o universo, que é unha especie de santo grial na Física que se fai no LHC", o famoso acelerador de partículas (colisionador de hadróns) construído en Suiza.

Lembra que o que ocorreu foi que conseguiu un proxecto da UE "que cadra co que eu pensaba que quería facer. O inicio do proxecto foi en 2015 e por cinco anos, pero despois seguín adiante coa investigación nun equipo que traballa con datos do LHC".

Explica que agora mesmo "estamos cun traballo liderado por unha investigadora da Universidade da Coruña onde se estuda unha partícula que se transforma na súa propia antipartícula e fai iso ata que se desintegra. A rapidez e a forma na que fai eses cambios depende, segundo a teoría, só do campo de Higgs, pero poderían intervir outras cousas se aparecesen novas partículas, como as que poden formar a materia escura. Sobre iso é sobre que estamos a traballar e agardamos ter resultados en maio ou xuño, se todo vai ben. Dependendo do que saia veremos se todo está só no campo de Higgs ou fan falla novas partículas".

Atopar o bosón de Higgs foi un fito xigantesco pero unha vez descuberto "vemos que polo de agora está el só, non hai outra partícula similar que en realidade nos gustaría que estivese alí. É probable que as partículas que faltan estean fóra do que pode detectar a tecnoloxía actual ou da que se poida pensar nas próximas décadas. Esa é unha visión pesimista de velas cousas. Hai maneiras de tentar localizalas con medidas indirectas, como facemos nós".

Do que lle pasou a el a nivel laboral di que agora podería volver pasar "porque o sistema é complexo a nivel español, pero a nivel galego e moito máis complexo aínda. Hai vías que están tentanto abrir agora, pero polo de agora, todo é moi complexo. Para os rapaces novos é viable traballar como bolseiros ou en proxectos concretos, pero facelo cun emprego estable é dificilísimo, e en Galicia, máis".

E é inevitable preguntarlle con que nos vai sorprender a Física de partículas: "Eu, se isto fose a bolsa, metería os meu cartos nos experimentos de neutrinos que están a facer en Estados Unidos e Xapón. Sobre todo os xaponeses, porque poden botar luz sobre as asimetrías entre materia e antimateria e van poder probar ou refutar se o protón realmente é estable ou se pode desintegrar. Iso desde o punto de vista da Física será un cambio grande de paradigma e vendo a capacidade que teñen cos experimentos que están a facer, penso que van ter capacidade dabondo para sondear iso".

Comentarios