Diego Campo (Organizador do Osa do Mar): "Ademais de Carolina Durante hai un cartel variado"

Traballador de Quirón Prevención e festivaleiro a tope. Saca tempo de onde pode para organizar o coñecido festival de Burela
Campo, xunto á mascota do Osa, no barco museo. IRIA L.V
photo_camera Campo, xunto á mascota do Osa, no barco museo. IRIA L.V

UNHA DAS mentes pensantes do festival Osa do Mar de Burela (do 16 ao 18 deste mes) é Diego Campo, que, xunto a Marcos Reimunde, Héctor Manasé, Lorena Expósito, Andrea Cillero e Alba González (Fanto Fantini), compón un grupo que traballa a reo durante o ano para poñer o mellor cartel posible para os amantes da música. O mozo amósase satisfeito coa aposta da edición do 2019, que inclúe, entre outros a Carolina Durante, un grupo que ten en 'Todos mis amigos se llaman Cayetano' unha das cancións que máis soan nos festivais dos últimos anos.

Lémbrenos como xurdiu o festival e o nome?

A idea do festival ocurriúsenos cando tiñamos o pub 59 Metros Cuadrados e decidimos levala a cabo volvendo de Paredes de Coura, no ano 2013. O do nome foi cousa do irmán de Héctor Manasé, encargado dos deseños e os logos, que pensou nun xogo de palabras coa praia de Marosa e buscou unha imaxe sinxela que podía chamar a atención.

Como definiría o cartel deste ano?

Coma o máis variado das seis edicións que levamos. Empezamos coma un festival de rock alternativo e agora damos cabida a moitos estilos, aínda que tampouco olvidamos as raíces.

Por que lle recomendaría o Osa do Mar á xente?

Primeiro, pola aposta que facemos por bandas emerxentes que acaban sendo moi relevantes, coma Sexy Zebras, C.Tangana ou Novedades Carminha, que agora son moito máis coñecidos que cando viñeron. Tamén pola posibilidade de disfrutar do atractivo turístico de Burela e da Mariña.

Carolina Durante é a estrela, sorpréndelle o seu éxito?

Non. Levaba tempo seguindo a esta banda e nos dous últimos anos está tendo unha evolución impresionante, tanto a nivel músical como de público. Saltou de locais modestos a ser unha banda de referencia no festival de Benicassim, nada menos.

Algunha outra banda que pode dar un gran salto?

Los Vinagres, penso que están aínda na rampa de saída, pero teñen moi boa pinta co seu ‘rock volcánico’, como din eles.

Non pensamos en reunir un número determinado de persoas, só queremos que os que veñan o pasen ben

Na edición de 2018 apostaron por deixar A Marosa e facer o Osa do Mar na Praza da Mariña.

Queríamos que ir ata A Marosa non fose unha excusa para ninguén e tamén pensamos que para o Concello sería un montaxe máis sinxelo. Ademais, a hostalaría beneficiase do cambio.

Pero recuperan o cámping da Marosa, a que se debe?

Á demanda. Hai xente que quere acampar e desfrutar da praia, que a tería ao lado, e ademais dispón de duchas e vestiarios no campo da Marosa para aseo persoal.

Tamén apostan moito pola sesión vermú.

Sempre pensamos que era unha parte moi importante do Osa do Mar e funciona moi ben. De feito, este ano aínda imos reforzala con concertos na zona do porto, no barco museo, para amosar a tradición pesqueira de Burela.

Díganos algún grupo que lle gustaría traer e aínda non veu.

Dentro das nosas posibilidades Belako ou Hinds, tamén Combo Viramundo, a banda na que toca Xoel López, aínda que igual non está dentro do presuposto. Tamén que volvera Novedades Carminha, e máis agora que ten a Anxo, de Burela, no grupo.

E fóra de presuposto?

Arcade Fire ou Arctic Monkeys, son gustos personais.

Que número de persoas lle gustaría reunir?

Non pensamos niso, o que máis nos preocupa é que a xente que veña esté a gusto. Non facemos este festival con ánimo de lucro nin con intención de masificalo, senón porque nos gusta pensar que hai moita xente que ten gustos semellantes aos nosos e queremos que o pasen ben.

Sinten o apoio das institucións e do resto do pobo?

Non temos ningunha queixa, ao revés. Tanto a Deputación coma o Concello aportan e incluso dende o concellaría de turismo patrocinan o concerto que mencionei antes dende o barco museo. Tamén patrocinadores coma Mahou ou Gadis nos axudan e o resto da hostalaría, o que nos permite ter máis días de festival. 

Comentarios