jueves. 06.05.2021 |
El tiempo
jueves. 06.05.2021
El tiempo

Un Día do Libro moi diverso en Viveiro

Mural de Rosalía de Castro na entrada da biblioteca de Viveiro.EP
Mural de Rosalía de Castro na entrada da biblioteca de Viveiro.EP
O programa de Viveiro ten agasallos, teatro ou vídeos. A secretaria municipal presenta Amor de nai

O Concello de Viveiro amplía a súa programación polo Día do Libro con agasallos, teatro ou a iniciativa #verdeLendo, actividades para todos os públicos que se estenderán dende este venres ata fin de mes. Inclúen tamén, o domingo, a presentación do poemario Amor de nai de Mari Luz Balsa Rábade, a secretaria municipal, que nesta ocasión amosa a súa faceta literaria nun traballo no que expresa a dor polo falecemento da súa nai.

Para comezar, este venres e sábado os usuarios da biblioteca recibirán un "agasallo doce" ao retirar un libro e ademais todos os que acudan ás instalacións a retirar un exemplar dende o 23 ata o 30 poderán participar no sorteo dun lote de libros.

O Concello inclúe na programación, este sábado, a obra de teatro xestual Lázaro de Tormes da compañía Pedras de Cartón, ás seis da tarde no Pastor Díaz e dirixida a nenos a partir de cinco anos, mentres que o domingo será a presentación do poemario, ás doce do mediodía na sala multiusos do consistorio.

Doutra banda o Concello invita á cidadanía a compartir nas redes sociais -celebrando tamén o Día da Terra- un pequeno vídeo cunha lectura nun lugar da contorna de Viveiro, publicación que debe incluír o cancelo #verdeLendo e a mención @concellodeviveiro.

Tanto a concelleira de cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega, como a alcaldesa, María Loureiro García, animan a participar nestas actividades -nas que se cumprirá a normativa covid- e a gozar da lectura na biblioteca municipal.

O mural de Rosalía de Van Kraft

Na biblioteca municipal viveiresa xa se pode ver o mural de Rosalía que pintou o artista Van Kraft (na imaxe, coa concelleira de cultura, Lara Fernández), unha iniciativa da Vicepresidencia da Deputación para honrar á autora. "É un orgullo poder divulgar a figura de Rosalía nun lugar tan emblemático como é a entrada da nosa biblioteca", sinalou a edila. A alcaldesa, María Loureiro, engadiu que "este tipo de iniciativas permiten que conectemos a cultura coa mocidade, empregando as súas linguaxes". EP

Un Día do Libro moi diverso en Viveiro
Comentarios