O Día da Muller ten varias citas na Mariña

Á manifestación comarcal o domingo en Foz, súmanse concentracións, comidas e ceas, galas, homenaxes ou obras de teatro

A celebración do Día da Muller o domingo conta na comarca con varios actos para a súa conmemoración. En Foz, esta tarde ás oito está prevista unha concentración na Praza do Concello coa lectura dun manifesto para "dar apoio e visibilidade a todas esas mulleres traballadoras que co seu esforzo, día a día, moven o país e son piar fundamental da nosa sociedade". Tamén será en Foz a manifestación comarcal prevista para o domingo con saída do Paseo de Colón ás doce do mediodía. E o sábado, á mesma hora, haberá unha xornada sobre a curta Mans salgadas no Cenima.

Lourenzá ten mañá a andaina pola igualdade con saída ás cinco da tarde da Praza do Conde Santo e ás seis, no salón de actos do concello, haberá unha homenaxe a Neli Cajoto Cuadrado. Ademais esta semana a fachada do consistorio tínguese de cor lila.

A Tenda do Roxo de Burela elixiu un escaparate reivindicativo para sumarse a esta xornada
A Tenda do Roxo, ubicada na rúa Virxe do Carme de Burela, decidiu sumarse a esta xornada que busca dar visibilidade ao papel da muller na sociedade cun escaparate reivindicativo. Así, vestiu un manequín masculino cun delantal feminino sobre o que se pode ler ‘Se non coidas, descoidas’, e un cartel que anuncia a manifestación de Foz.

 

En Ribadeo, a gala Por Elas e Para Elas será o sábado, a partir das oito da tarde no Teatro. Está prevista a participación de Carmen Rodríguez, música e compositora; Silvia Murias, poeta afeccionada; o grupo da escola municipal de danza; mulleres do programa de dinamización Aquí coma de 20; a asociación de amas de casa ou o grupo de teatro de Ribadeo. Pola súa banda, as amas de casa faranlles o domingo unha homenaxe ás súas socias nacidas antes de 1930 no Parador.

Tamén o sábado é a comida organizada en Cervo e o domingo, ás sete da tarde, haberá unha representación teatral dirixida por Fina Calleja na casa da cultura. Os Aventados tamén organizan o sábado no Museo do Mar de San Cibrao unha tertulia sobre o papel da muller con Ana Fernández, Pablo Mosquera e Roberto Fra.

A cea de irmandade de Viveiro é o sábado, día no que tamén hai teatro, ás oito e media da tarde. O domingo, ás doce do mediodía, lerase un manifesto na Praza Maior e hai varios actos previstos para os vindeiros días. A Praza da Mariña de Burela será o escenario o sábado, ao mediodía, dunha concentración. E o domingo as amas de casa celebran unha comida baile.

En Alfoz, Vía volve organizar a súa tradicional ofrenda floral, o domingo ás doce e media da mañá. E en Ourol, celébrase o domingo a xuntanza de mulleres. Tamén Xove elixe o domingo, a partir das cinco e media da tarde, para render homenaxe ás súas carteiras ao que suma unha chocolatada.

Comentarios