'Dhogs' chega a Viveiro

O filme, do que se gravaron escenas no teatro Pastor Díaz, estréase o 17 nas salas viveiresas. O 24 o seu director, Andrés Goteira, e o produtor Adrián Folgueira terán un coloquio con quenes vaian vela

DHOGS viveiro
photo_camera O director (dereita) e os actores Carlos Blanco e Melania Cruz durante a rodaxe no teatro de Viveiro.

Logo de anos de aprendizaxe e esforzo para os seus impulsores, de pasar por festivais nacionais e internacionais e de acadar premios como os trece Mestre Mateo que o convertiron no filme máis galardoado da súa historia, a película Dhogs chega a vindeira semana a diversas salas, entre elas Cines Viveiro, onde se estreará o xoves 17, Día das Letras Galegas.

Ademais o seu director e guionista, Andrés Goteira, e un dos produtores, Adrián Folgueira, visitarán o cine viveirés o xoves 24 ás nove da noite, onde presentarán a cinta —en galego e da que se gravaron escenas no teatro Pastor Díaz cos actores Carlos Blanco, Melania Cruz e Antonio Durán ‘Morris’ e con veciños de figurantes— e terán nunha pequena charla con quenes vaian vela.

«Na presentación poñemos en situación aos espectadores e despois hai un coloquio para quen teña algunha curiosidade sobre o que foi o proceso ou sobre a película en si, pois é unha peli que pode xerar certa reflexión. Algún espectador queda con curiosidades e outro ás veces non acaba de conectar ben co que pasa e require algunha pequena axuda», explica o director deste trhiller que agocha unha crítica á pasividade da sociedade ante a violencia.

Ademais dos trece Mestre Mateo, a película recibiu moitos outros galardóns, o máis recente o de mellor longametraxe na sección Panorama Fantástico do Festival Fant Bilbao. Antes viñeron outros como o de mellor director novel en Sitges, o premio da crítica no BIFFF de Bruxelas, os de mellor película e mellor actor —para Carlos Blanco— en Nocturna Madrid ou os mellor película no festival de Split (Croacia) e en Algeciras Fantástika. Tamén pasou por festivais de Bos Aires, Londres, Istambul, Holanda, Barcelona ou Málaga, entre outros, e irá a algúns máis.

O director, Andrés Goteira: "Non imaxinas que un xurado que entende moito de cine elixa a túa película como a mellor. Iso faime sentir moi ben"

Toda esta xeira de recoñecementos chegou a abrumar ao seu director. «Nin os días dos Mestre Mateo daba pensado que era a peli máis premiada da historia nin o vivín tanto, estaba abrumado por todo, sen atopar respostas a esas felicidades que che dan», recoñece Goteira, quen comenta que viviu con certo estrés o festival de Sitges «pola presión dun auditorio de 1.500 persoas ante unha película en galego», e lembra de xeito especial o pase en Bruxelas xa que o público «reacciona continuamente ao que sucede na peli, berra ou comenta algo». Porén, séntese moi satisfeito polo recoñecemento profesional: «Non imaxinas que un xurado que entende moito de cine elixa a túa película como a mellor. Iso faime sentir moi ben». di.

O derradeiro obxectivo de todo este proxecto é que a maior cantidade de xente poida ver a película, por iso se esforzaron en conseguir a súa distribución. «Ao final as pelis fanse para que se vexan e para que xeneren cousas nos espectadores, malas ou boas. Hai xente á que lle gustaría ver este tipo de película e, polo menos, hai que intentalo», comenta.

O meirego lembra o difícil que foi sacar adiante a súa ópera prima e non imaxinaba o alcance que tería. «Cando tes un soño de facer unha película imaxinas cousas máis superficiais, non ves todo o que hai debaixo e vas pasiño a pasiño, cumplindo pequenos retos», di o director, que xa traballa de cheo nun documental e, a medio prazo, noutro filme.
 

Comentarios