Detido un lucense na praia da Rapadoira de Foz acusado de roubar a punta de navalla

A xornada foi soleada na costa e as néboas volveron pechar pola tarde o Alto do Fiouco da Autovía do Cantábrico (A-8)

As temperaturas de máis de 23 graos, que rexistrou costa lucense ata ben entrada á tarde, animaron as praias, aínda que tamén houbo incidencias, coma nas inmediacións do areal focense da Rapadoira. Os axentes da Garda Civil detiveron a un veciño de Lugo de 21 anos coma presunto autor dun delicto de roubo con violencia e intimidación. Foi acusado de amedrentar a dúas persoas a punta de navalla para esixirlles, nun caso, un billete de cinco euros, e no outro, un teléfono.

A incidencia rexistrouse cara as dúas da tarde e o detido foi posto á disposición do xulgado de Mondoñedo. Nembargantes, o persoal de salvamento da praia descoñecía o sucedido porque probablemente aconteceu nunha zona pouco transitada, quizáis de aparcadoiros.

Na Rapadoira, ossocorristas e o persoal do 061, atenderon tamén a unha persoa que sofriu unha lipotimia ao parecer de carácter leve. Nos areais barreirenses de Reinante e das Pasadas, o persoal de salvamento axudou a saír a dous bañistas que tiveron complicacións coa oleaxe. As bandeiras ondearon de cor marela. 

AS CATEDRAIS. O monumento natural ribadense recibiu onte a uns 2.000 turistas e segundo a web de reservas gratuita para acceder á praia, —http://ascatedrais.xunta.gal—, para este domingo agárdanse outras 2.400 e así irá en aumento cada fin de semana, previndo que sexan 2.863 persoas o sábado que vén e 3.138, no Día de Galicia, o 25 de xullo. Hai que lembrar que o tope para preservar o enclave está fixado en 4.812. 

O portavoz da agrupación ribadense do Partido Popular, Jesús López Penabad, pregunta ao Concello a que hora se abren os baños públicos do areal das Catedrais, porque "din que é ás once da mañá, pero creo que se deberan abrir tendo en conta o horario de mareas". Segundo Penabad "durante a baixamar é cando realmente vai a xente a esa praia e polo tanto, cando son máis necesarios". 

Aparte, a octoxenaria que fora rescatada na praia ribadense do Cargadoiro este venres, evoluciona de xeito favorable na Uci do Hospital da Costa. 

Nunha xornada de regreso das praias, os condutores atoparon de novo o Alto do Fiouco da Autovía do Cantábrico (A-8) pechado polas néboas unha hora pola tarde e con alertas o resto da xornada.

Comentarios