Un desafío mundial para Marta Castro e Jorge Santamariña

Os dous, membros do Club Bádminton O Cembedo, citaranse en Huelva coas mellores raquetas do planeta 
Marta Castro e Jorge Santamariña posan coas raquetas e o volante co que se xoga ao bádminton. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Marta Castro e Jorge Santamariña posan coas raquetas e o volante co que se xoga ao bádminton. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O Club Bádminton O Cembedo de Viveiro cumprirá a finais deste mes un novo fito na súa curta pero prolífica historia, xa que debutará nun Campionato do Mundo. Farao a través dos seus xogadores Marta Castro e Jorge Santamariña, que competirán nun torneo que se desenvolverá no pavillón Carolina Marín de Huelva entre o 28 de novembro e o 4 de decembro e que reunirá a 1.200 xogadores chegados de todo o planeta.

Os dous, que competirán na categoría de xogadores de entre 50 e 54 anos, confesan que preparan a competición sen saber moi ben que se van atopar na cidade andaluza, pero o que si teñen claro é que están cheos de ilusión e con moitas ganas de "vivir unha experiencia que non se pode perder porque a saber se volvemos a obter praza outra vez", recalca Marta.

Ela acadou billete para participar en tres categorías —individual, dobres feminino e dobres mixto—, mentres que el fíxoo en dúas, no dobre masculino e no mixto, onde farán parella Castro e Santamariña. Nas outras probas de dobres xogarán con Dolores Sarmiento e Francisco Javier Galicia, ambos do Athlos Ourense. Jorge explica que a clasificación lográrona "a través dun ránking no que vas facendo puntos en distintas competicións ao longo do ano".

A participación no Campionato de España que se celebrou o pasado mes de setembro en Vitoria axudoulles, xa que Marta acadou un bronce no dobre feminino e Jorge caeu en cuartos. "A experiencia de participar neste campionato tamén foi boa", destacan.

"Xogando levamos moitos anos, pero competindo é o terceiro. O club montámolo no 2013, que foi cando nos federamos"

O feito de ser a súa primeira participación nun Mundial fai que partan con 0 puntos, o que seguramente lles complicará as cousas ao xogarse baixo un formato de eliminatorias directas.

"Ao non ter participado nunca no Mundial ou en probas no estranxeiro non temos ningún punto, así que igual na primeira xornada nos toca unha parella que son uns fenómenos e xa quedamos eliminados. Pero aínda que pase iso, a experiencia non nola quita ninguén", relata Jorge.

É por iso que os dous xogadores do Club Bádminton O Cembedo non se marcan ningún tipo de meta a nivel de resultados. "A idea nosa é gozar do evento, porque vai ir xente de todas as partes. E logo tamén ver xogar a outra xente e aprender, porque seguro que veñen xogadores das potencias asiáticas, nórdicas e tamén alemáns", apunta Jorge.

"Só coñecemos o nivel da xente de Galicia e Asturias, que é cos que xogamos habitualmente, pero do resto non temos nin idea, así que imos un pouco á aventura", engade Marta.

"A nosa aspiración era pasalo ben, xogar por aí as fins de semana e coñecer xente. Fixemos amigos estupendos en Galicia e Asturias"

Así mesmo, valoran o feito de recuperar certa normalidade e poder participar nunha cita con moitos xogadores, aínda que saben que o campionato se vai desenvolver baixo estritas medidas de seguridade sanitaria. "Despois do covid, volver a un evento así ten que ser flipante. Seremos 1.200 persoas e o ambiente seguro que vai ser fantástico", destacan.

E outro aliciente é xogar no pavillón Carolina Marín, a campioa olímpica en Río e tres veces campioa do mundo. "Será especial e é unha pena non poder quedar un par de semanas máis porque despois vaise celebrar o Campionato de Mundo absoluto, onde se van xuntar as figuras mundiais do bádminton", sinala Jorge.

INICIOS DO CLUB. Os dous están moi contentos da evolución do club nestes tres anos e recordan os seus inicios. "Xogando levamos moitos anos, pero competindo é o terceiro. O club montámolo no 2013, que foi cando nos federamos, pero ata hai tres anos só xogabamos entre nós. Agora sobre todo xogamos en Galicia e Asturias, e este ano, como o tema por Asturias segue bastante parado, tamén fomos a un circuito a Santander. Na nosa categoría, que lle chaman sénior e é para maiores de 30 anos, non hai unha liga como en categorías inferiores, senón que participamos en torneos dun ou varios días", explica Jorge.

E outórganlle un peso importante a Pedro Esmorís e Felipe Martínez na creación da entidade. "Eles son os que adestran aos nenos e foron os que tiraron un pouco de nós. A xente tiña fillos xogando, empezaron a ir a clases e ese foi un pouco o xerme do club. É un deporte moi minoritario e agora somos o único club da provincia", lamenta Jorge.

Ningún dos dous se imaxinaba poder chegar a este nivel cando decidiron empezar a competir. "A nosa aspiración era pasalo ben, xogar por aí as fins de semana e coñecer xente. Fixemos amigos estupendos en Galicia e Asturias", comenta Jorge. "Non contabamos nin ir ao Campionato de España, así que moito menos a un Mundial", conclúe Marta.

Comentarios