"Se me deran a Medalla Castelao dedicaríallela a todos os que traballan pola cultura"

Despois de case 40 anos na comarca –foi a primeira muller de Cabo Verde en chegar a Burela– Antonina Semedo non dubida en asegurar que volvería a vir se tivera que tomar outra vez a decisión

Antonina Semedo. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Antonina Semedo. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Unha iniciativa veciñal está impulsando unha recollida de firmas para que lle sexa concedida a Medalla Castelao a Antonina Semedo, unha das primeiras inmigrantes que chegou a Burela dende Cabo Verde hai case 40 anos. A campaña abriuse ao público o pasado luns e xa conta cun millar de firmas a favor de que a Xunta lle conceda este recoñecemento polo seu labor como activista social, de mediadora intercultural, de intérprete musical e de muller emprendedora. Ademais de numerosos apoios particulares, o movemento conta co respaldo de varias asociacións. Ata o momento subscribiron a solicitude o Observatorio da Mariña pola Igualdade, Dambara, Xebra, Vagalume e a asociación da Semana Santa.

Que lle parece que a propoñan para recibir a Medalla Castelao?
Moi ben, a verdade é que estou encantada. No caso de que ma chegaran a dar sería de todos, de todos os caboverdianos e tamén españois que traballan a prol da cultura.

Leva case 40 anos na comarca, se tivera que tomar a decisión outra vez de vir, volvería facelo
Volvería, sen dubidalo. O 23 de xullo hai 40 anos que estou aquí e fun a primeira muller en chegar a Burela, porque xa había algunha, aínda que poucas, pero estaban en San Cibrao. Homes xa había máis, pero mulleres non. A min acolléronme moi ben, sempre digo que fun unha privilexiada nese senso.

Terá moitas anécdotas daqueles primeiros anos.
Moitísimas. Por exemplo, os nenos preguntábanme se manchaba porque era negra ou se non me lavaba e os pais pasaban moitos apuros por iso, pero a min non me importaba porque os nenos din o que pensan e non o fan con malicia ningunha. Tamén recordo que ao primeiro enterro ao que fun, dun rapaz novo que se afogara na praia da Areoura, as vellas non me quitaban os ollos e falaban baixiño de min. Quíxenme apartar un pouco delas e pegueime a un muro de ortigas e as vellas dicían que ao ser negra non me picarían, pero vaia se picaban.

Sempre di que dende que chegou aquí traballou case de todo.
Si, case de todo e en todos os traballos me impliquei porque me gusta dalo todo nos traballos que teño. Agora mesmo estou en axuda no fogar.

Vostede dá charlas en colexios para contar como foi a súa chegada á comarca.
Si, é algo que me gusta moito porque os nenos son moi curiosos e preguntan de todo: como chegamos aquí, como viñemos a primeira vez, como fixemos para chegar... eles preguntan todo, que os maiores non preguntan tanto. Sempre os animo a estudar porque en que o fagan está o seu futuro.

Tamén de vostede partiu a iniciativa de crear o grupo Batuko Tabanka.
En realidade fíxemolo entre todas, aínda que a iniciativa naquel momento fora miña. O Concello axudounos moito, incluso nos deu unha axuda para facer os traxes. Empezamos en broma e xa recorremos toda Galicia. Este ano xa estivemos en Pontevedra e en Ourense e nos vindeiros meses iremos actuar a Monforte e Ferrol e tamén ao Bierzo ou Oviedo.

A letra escríbena vostedes.
Si, interpretamos música típica de Cabo Verde e a letra facémola entre todas. Agora mesmo somos trece integrantes, aínda que ás actuacións da fin de semana adoitamos ir dez ou once, porque hai alguna rapaza que traballa na hostalaría e non pode vir. Tamén reservamos os domingos pola tarde para poder ensaiar.

O grupo dálles moitas satisfaccións.
Moitísimas. Agora tamén cantamos na misa. Por exemplo o pasado día 13 estivemos na igrexa de San Fructuoso en Santiago e cando vaiamos ao Bierzo tamén temos que cantar na misa.

Os rapaces que nacen aquí conservan os costumes de Cabo Verde.
Si, porque nós tamén os conservamos. Mezclamos un pouco de todo, algo de alí e algo de aquí. De tódolos xeitos entre os nenos que xa naceron aquí hai diferenzas, por exemplo, hai moitos que falan ben o crioulo e outros que menos. A miña filla, sen ir máis lonxe, enténdeo pero fala pouco e sen embargo os meus netos fálano máis.

Comentarios